Tres citas na Costa da Morte co último de Talía Teatro

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Estrearon esta fin de semana na Coruña, o venres estarán en Carballo, o sábado en Vimianzo e o domingo en Cee 

05 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Carballo, Vimianzo e Cee • A compañía Talía Teatro vén de estrear esta fin de semana, cunha dobre función no Rosalía de Castro da Coruña, o seu último espectáculo: Unha inimiga do pobo. Trátase, indicaron na rolda de prensa previa a estas funcións, dunha adaptación contemporánea dun texto de Henrik Ibsen, que «procura facer reflexionar ao público sobre os grandes problemas sociais da actualidade». Dirixe Tito Asorey e soben ao escenario a fisterrá Marta Lado no papel de protagonista, Toño Casais, Dani Trillo, Rubén Prieto, Marta Ríos, María Ordóñez, Diego Rey, Artur Trillo e tamén Xurxo Barcala.

Iniciará agora Talía unha xira coa obra, na que a segunda parada, a terceira e a cuarta serán na Costa da Morte, posible grazas ao apoio da Rede galega de Teatros de Auditorios. O vindeiro 10 de marzo, dentro dos Venres Culturais, a cita será no Pazo da Cultura de Carballo: 20.30 horas. Un día despois, o sábado 11, estarán na programación do auditorio de Vimianzo, tamén ás 20.30. O domingo 12 de marzo Unha inimiga do pobo poderá verse en Cee, localidade con especial vínculo a Talía, neste caso, ás 19.00 horas. As entradas xa se poden mercar de forma anticipada.

Rolda de prensa da presentación da obra, na Coruña
Rolda de prensa da presentación da obra, na Coruña MIGUEL MIRAMONTES

E que trae a obra? A Helena, doutora de prestixio internacional que regresa á vila natal para comezar unha nova vida co seu compañeiro. Embarazada, afronta un novo proxecto profesional cun balneario que ela mesma deseñou. Pero a contaminación das augas e a súa loita pola saúde da xente fronte aos intereses económicos poñerana no punto de mira.