Guerra dialéctica

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

Miguel Villar

10 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

primeira vez que escribín a palabra guerra mal, sen a u característica, foi cando tiña seis anos. Daquela, a mestra díxome que era a última vez que me corrixía un erro tan inmenso, pois unha palabra tan transcendental hai que escribila como Deus manda. A min, persoalmente, estame encantando a guerra dialéctica que libraron Fontecelta, Cabreiroá e Auga de Sousas. Os carteis publicitarios están en desuso. Quedaron obsoletos. A tecnoloxía deixounos de poñer no centro da mira e, por uns días, foron os protagonistas. Case era un xogo de falas, unha cantiga de escarnio e maldicir nunha era onde as pantallas o izan todo. Publicidade leal, xusta e humorística que reivindica que hai mercado para todos. A nova polémica de Hablemos Español ten o xermolo nos carteis publicitarios en físico que acabo de mencionar. Non é casualidade, non señor. Trátase de poñer o xermolo da polémica e dar continuidade a un acto publicitario sá en algo maquiavélico. Non vou entrar eu no tema dos topónimos, teño moi pouca base técnica para explicar algo tan sinxelo como a deturpación dos nomes de lugar e xentilicios. Mais fagámonos visibles. Non a través de pintadas ou actos violentos. Fagamos defensa e ofensiva na guerra dialéctica mediante a retranca, algo tan propio dos galegos e que tan pouco entenden aqueles que defenden un castelán exclusivo e pasado de rosca dende o punto de vista ideolóxico. Deixemos de tanto escribir por redes, fixando a vista nos píxeles e fagamos regueifa, contestemos con sorna amparados no saber dos vellos. Se colgan carteis publicitarios enormes insultándonos é porque nos consideran unha ameaza. As linguas viven namentres a xente as fala, as reproduce. Levantemos país mentres queden alicerces suficientes para salvagardalo.