Margarita Lamela, alcaldesa de Cee: «Son días cun sentimento especial»

Antón Lestón Lago
A. Lestón CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana García

A rexedora ceense reivindica o sentimento pola Virxe tamén entre os non crentes, e agradece o traballo da comisión de festas. Están en marcha as Festas da Xunqueira

12 ago 2023 . Actualizado a las 21:07 h.

Despois de que o Concello tivese que intervir directamente nas últimas festas da Xunqueira, o ánimo dun grupo de ceenses fai que a organización e programación das celebracións máis importantes do municipio volvan á normalidade. A alcaldesa, Margarita Lamela, agradéceo ben.

—Que sente unha ceense cando xa ten aí as súas festas da Xunqueira?

—É un sentimento moi especial que levamos dende pequenas e que nos aflora nestas datas, sexas máis ou menos crente. Son momentos nos que volvemos estar todos xuntos, porque os que están fora regresan nestas datas e así temos o Concello a tope. Ademais este ano é máis especial se cabe, porque a Virxe xa está coroada, e porque a igrexa xa ten a condición de santuario.

—Arrancan cun pregón peculiar no que terán voz os cinco alcaldes que tivo Cee na democracia. Como xurdiu a idea?

—Eu era algo no que pensaba dende hai tempo. Había que homenaxear dalgunha forma estas figuras porque fosen do partido que fosen estou segura que pasaron moitas noites sen durmir pensando en como solucionar algún problema que afectaba aos veciños. E entón unha columna de opinión publicada neste medio impulsoume a facer que esa homenaxe fose en forma de pregón. Iso si, tiñan que darse outras premisas como que eu volvese a ser alcaldesa e que todos, por sorte, sigan con nós.

—Como llo comunicou aos pregoeiros?

—Chameinos un mércores convocándoos a unha reunión para o venres. A única que me preguntou para que foi Zaira, pero non llo quixen dicir porque quería ver a súa reacción en directo. Fixéronme esperar uns minutos e foron dos máis longos da miña vida, pero finalmente aceptaron e gustoulles.

—Que lle parece o traballo da comisión?

—Encomiable. Fixeron un traballo magnífico e pensado para tódolos públicos, para a xuventude o domingo; para os nenos ca festa infantil e da espuma, para os máis maiores cas bandas de música...

—Un alivio despois do ano pasado

—Por suposto, porque as tivemos que organizar dende o Concello, que por distintos procesos administrativos os horarios eran completamente diferentes. Os Gobernos necesitamos das comisións e das asociacións porque así é moito máis sinxelo facer as festas. Eu agradezo enormemente o paso dado por Verónica Bonilla e o seu equipo, e de feito o Concello colabora cunha subvención de 50.000 euros.