David Amor: «''Go Home'' é como un decálogo para non ser un mal turista»

M. López, P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Leo López

Este sábado presentará en Cee «Go Home», con Josito Porto e dirección de Tito Asorey

13 dic 2024 . Actualizado a las 23:30 h.

Sumidos de cheo do Nadal, na Costa da Morte segue habendo oco para o bo teatro, e iso é precisamente o que haberá este sábado na Casa da Cultura de Cee. O 14 de decembro, ás 20.00 horas, poderán ver os espectadores Go Home, unha obra na que subirán ao escenario dous dos mellores cómicos de Galicia, David Amor e Josito Porto. Chegan á vila da Xunqueira da man de Etiqueta Negra Producións. As entradas están dispoñibles de forma anticipada en ataquilla.com ou ben na biblioteca municipal, a partir de 15 euros. Sobre o que é Go Home falou onte David Amor en Radio Voz Bergantiños:

—Din que «Go Home» é a obra soñada por David Amor. Por que?

—Porque é un traxe feito a medida [ri]. Sempre me gustaron moito as propostas de Tito Asorey e quixen traballar con el, así que falamos e cando estabamos buscando textos, decidimos encargar un. Foi cando falamos co dramaturgo José Prieto e saíu esta obra, coa que estou encantado. A obra trata sobre o turismo e a xentrificación, e aínda que naceu no 2019, parece escrita a semana pasada. Semella que o texto se vai actualizando semana a semana.

—É unha crítica á masificación turística, entón?

—É case como un decálogo para non ser un mal turista. Gústanme as obras que deixan pouso, e nesta ves como se forman debates ao saír.

—Que personaxes interpretan?

—A peza ten moitas capas, pero esencialmente Josito interpreta a un tipo que vive tranquilamente afastado do mundanal ruído e eu, a un turista que desexa vivir experiencias e descubrir novas culturas. A partir de aí xa veñen tódalas lecturas que un queira ou poida facer.

—O espectador pode sentirse identificado con eles?

—Eu creo que si, mesmo cos dous. E todo iso, tinguido de comedia negra, coa que eu non traballara ata agora. Foi moi chulo ver como se foi desenvolvendo a historia e como Tito foi compoñendo as personaxes. Aínda que foi producida por min, deille toda a liberdade creativa. Non quería ser como eses directivos que fichan á xente e despois queren meter man en todo. Creo que, como resultado, quedou unha gran obra, moi interesante tanto para os que se inician no teatro como para os asiduos. Ese equilibrio si que foi algo que lle pedín, porque considero que temos que levar á xente aos teatros.

—«Go Home» empezou a xirar aló por marzo. Que tal a resposta?

—Pois moi ben! Estannos programando bastante e chegando a moitos sitios, que era o que máis nos interesaba. Cando pos tanto de ti, queres que a xente o vexa. E estreamos este ano, pero eu levo con isto dende o 2019!

—Falamos de comedia negra, pero tamén dunha realidade que a veces non se quere ver. É a de Galicia unha situación particular en canto ao turismo?

—Fíxate, e isto é xa unha opinión totalmente persoal, pero eu penso que o turismo acaba coa autoestima dun pobo. Vas aos sitios e ves como se pregan ao turismo, transformando todo para que estea ao gusto do que vén de fóra... E non ten sentido, porque se supón que se un vai a un lugar é porque lle gusta o que hai alí. É unha mágoa, porque vas a Combarro, que é un sitio moi bonito, e ves como nalgunha tenda de produtos típicos de repente che venden licor de plátano, ou como hai restaurantes con fotos de comida... Ao final, todo acaban sendo decorados e viaxar convértese en algo inútil.

—A quen recomenda este espectáculo? Quizais a algún turista que ande pola Costa da Morte?

—Tamén, porque é un bo decálogo para saber o que non hai que facer cando se vaia visitar esa zona tan bonita [ri].

—É un vello coñecido desta comarca. Xogador de balonmán por Carballo, veterano da Rúa dos Contos do FIOT, coñecedor da maxia do Ézaro... Visítanos só cando toca actuar por aquí ou segue a conservar ese vínculo?

—Veño por traballar, pero tamén por gozar. Son asiduo do Ézaro, teño bos amigos alí e algúns restaurantes que me gusta visitar. E en Carballo tamén estarei por pracer dentro de pouco.