O Abaladoiro | O Concello de Zas dará por finalizado este sábado o seu programa de Nadal, co grupo de adultos da Escola Municipal
15 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Fernando Dacosta, Sabela Gago, Elena Seijo e Josito Porto subiron o sábado ao escenario do auditorio de Baio para ofrecer a peza Made in Galiza, unha creación teatral da autoría de Séchu Sende. A compañía Sarabela non tiña empresa doada na localidade, sobre todo porque a tan só uns quilómetros, en Fornelos, tamén había outra cita teatral ben atractiva, a cargo de Teté Teatro (Salto). Pese a todo, no obstante, Made in Galiza, coas palabras no centro, tivo moi boa acollida, segundo reportou o Concello: «A obra fíxenos reflexionar dende o humor sobre a defensa do galego».
Deixou a agrupación camiño aberto para a vindeira representación, unha cita que porá fin, definitvamente, ao programa Nadal Zas. Trátase da función A voltas co morto, que interpretará o grupo local Sen Tempo Teatro, neste caso no auditorio da capital municipal: 20.30 horas, gratuíto.
Sen Tempo Teatro son alumnos da Escola de Teatro para adultos do Concello de Zas, dirixidos por Pablo Soto, Pibe. Xa teñen mesmo xira fixada para o mes de febreiro: o domingo 9 en A Mata (Cabana), o 22 no Couto (Ponteceso), e o 23 en Coristanco.