Circo, teatro en familia, arte e outras citas de domingo na Costa da Morte
CARBALLO

Axenda diaria | Por singularidade, o destino ha de ser A Ponte do Porto e o seu Ponte Friki. Pero hai moito máis...
23 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Ademais da singularidade do Ponte Friki na Ponte do Porto (ver aquí), estas citas para hoxe, domingo, na Costa da Morte:
Teatro familiar en Vimianzo • Comeza na capital de Soneira a programación da Primavera en Familia. Hoxe, ás 18.30, no auditorio da Casa da Cultura, función Maruxiña, de Auroras Artes Escénicas. Con música en directo e unha emocionante aventura. Entrada: 3 euros, en woutick.es ou dende unha hora antes no propio edificio vimiancés.
Circo en Carballo • Derradeiras oportunidades. Os de hoxe —12.00 e 17.00—, serán os últimos pases. Equilibristas, acróbatas, malabaristas, bailaríns e un sinfín de profesionais das artes circenses, todos eles fiados polas cancións de Gaby Aragón. Entradas en ticketrona.es ou ben na propia billeteira da carpa, dende unha hora antes da función. Está no aparcadoiro da rúa Carlos Casares.
Teatro familiar en Carballo • Rematará esta tarde a programación dos Venres Culturais, parte dun ciclo máis amplo aínda, Cultura con forza. A compañía galega Elefante Elegante ofrecerá ás 18.00, no Pazo da Cultura, unha obra baseada no teatro xestual, Kyoki. Aborda cuestións como a memoria, a vellez ou a demencia. Espectáculo familiar, para pequenos a partir de 3 anos, con entrada a 5 euros (3 a reducida): abilleteira.carballo.gal ou no Pazo.

Inauguración da exposición «Catro cousas», de Tucho Caamaño • Acolle o estudo Garabato ás 12.00 hora a posta de longo da mostra Catro cousas, do artista plástico carballés Tucho Caamaño. A peza musical de Rodrigo Cuevas e Caamaño&Ameixeiras serve de inspiración para esta proposta artística que é «unha exploración pictórica do amor e a perda», un xeito de canalizar o dó emocional dunha ruptura e, a un tempo, unha reflexión sobre a fraxilidade e a capacidade sanadora da arte. Unha viaxe emocional no que é o traballo máis íntimo do artista. Estará acompañado hoxe polo tamén creador Mon Lendoiro, así como pola música en directo a cargo de Rocío Bello.
Andaina contra o cancro en Malpica • Organiza a xunta local da AECC, presidida por Carmen Teresa Blanco. Saída ás 10.30 horas dende a praia Malpica. Tirarán logo cara Santo Hadrián e volverán ao punto de orixe. Donativo: 5 euros os adultos e 3 os nenos de ata 12 anos. Hai opción de adquirir dorsal solidario para aqueles que non poidan acudir, na páxina web.
Baile para maiores • No mercado de Carballo, de 18.00 a 21.00 horas, amenizado polo dúo Marineda. No centro de maiores de Cabana, a partir das 19.00 horas, co dúo Élite.
Senda Nova e Salitre inician ciclos de andainas
A asociación Senda Nova dará por iniciada hoxe a 16.ª edición da súa Primavera en Ruta, un dos ciclos de andainas desta entidade que mellor acollida teñen. A saída inicial será de 16 quilómetros, O Son do Anllóns, a cabalo entre Carballo e Coristanco. É preciso terse inscrito. Participará asemade o grupo naturalista asturiano Mavea. En Malpica, doutro lado, a asociación Salitre impulsa unha nova edición do percorrido polo Camiño dos Faros. Hoxe farase a primeira etapa, de Malpica a Niñóns. Para consultar prazas, inscricións ou vindeiras datas: 697 993 182 ou 603 741 747.