
































«Está o pavillón que dá gusto velo»: o encontro de Ponte Disfraz xa está en marcha, e seguirá toda a fin de semana
22 mar 2025 . Actualizado a las 17:08 h.—Lévano currando moito tempo, e por fin chegou o día.
—Chegou!
As primeiras palabras son de Sandra Insua, alcaldesa de Camariñas, e as segundas de Cristina Blanco, presidenta de Ponte Disfraz, asociación organizadora da primeira edición do encontro Ponte Friki. Lévase a cabo dende este sábado pola mañá, seguirá toda a tarde e tamén domingo, no pavillón da Ponte do Porto. Ambas as intervencións foron recollidas nos intres iniciais da xornada, nos que aproveitou Cristina para convidar a todo o que se quixese achegar: «Despois de gran esforzo, xa podedes vir xogar, participar en actividades, en todo o que queirades». Insua, da súa banda, aludiu á oportunidade que supón a cita nunha fin de semana de mal tempo: «Aquí no pavillón estase de marabilla». Convidou ela a coñecer o mundo da «cultura friki»: «Eu estoume poñendo ao día. Espero que sexa a primeira de moitas edicións, o Concello vai estar sempre apoiando iniciativas que xurdan desta maneira. Está o pavillón que dá gusto velo!».

Dividido en espazos, hai de case todo: postos de artesáns, zona para videoxogos, obradoiros, charlas, actividades de ocio como paintball, escapismo, xogos de mesa... Para entender o que definen como «o primeiro evento da cultura friki na Costa da Morte», non hai nada mellor ca acudir. Gaming ou cosplay son palabras e xeitos de ocio que alí entenderá mellor. O custe da entrada por xornada é de 3 euros, 5 se se acude aos dous.