
En primeira persoa | «Aquí estou, rematando o doutorado en astronomía computacional», explica a carballesa, que actualmente é profesora no departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información
23 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Son unha persoa curiosa por natureza. Un traste, coma sempre me dicían de pequena. Todas as historias que me contan de cando era eu máis pequena eran explorando o que me arrodeaba. Correndo entre a herba máis alta ca min ou saltando nos regos cando aínda non levantaba medio palmo do chan.
Algúns dos primeiros recordos claros que teño son na casa de meus avós apañando as fresas da horta, unha das cousas que aínda a día de hoxe máis me gustan. Tamén gardo con especial recordo cando meu avó, que era tratante de gando, traía vacas á casa e arrimábaslles a man e lambíante coa súa lingua áspera: é unha sensación que creo que me custará moito esquecer.
Considero que fun unha nena moi afortunada, desas que viviron na aldea e foron á escola unitaria. Nós tiñamos á nosa querida profe Ana, unha muller moi doce, á que lle gardo un enorme aprecio. Era unha mestra que sempre nos deixou desenvolvernos como nenos en total liberdade e cariño. Non seríamos os que máis leccións aprendidas levabamos ás costas a finais de curso, pero todos estudamos o que quixemos, e vivimos unha infancia leda nese recuncho. Aínda a día de hoxe, cando paso por alí, lembro cun sorriso cando no outono sacábamos as castañas dos ourizos coas tesoiras de recortar e, con toda a inocencia, pensábamos que o estábamos facendo ás agochadas. Pero estou convencida que ben nos vía pola ventá facer esas e máis falcatruadas.
Informática
Xa foi de bastante pequena, e influenciada por meu irmán, cando dicía que quería ser informática. Sempre me gustaron os ordenadores e desfrutei de abrilos, montalos, mirarlles e cambiarlles as pezas. E desa curiosidade inicial souben cara onde quería encamiñar os meus estudos. Recordo xa na primaria cando nos preguntaban que queríamos ser de maiores, eu dicía que quería ser informática (aínda que nese momento pensaba que só era amañar trebellos). A pesar de telo claro, que hei de admitir que o síndrome da impostura me invadiu algunha que outra vez e quixen cambiar de profesión antes de chegar á universidade. Mesmo o día de escoller carreira tiven algunha que outra dúbida. Non obstante, tomei a decisión correcta e decidín encamiñar a miña vida por esa póla. Sempre fun curiosa e gústame romperme a cabeza.
Os anos da universidade foron moi doces, pero tamén un chisco difíciles. Aínda que logrei aprobar curso por ano, non foi tarefa sinxela e ademais, depender de bolsas de estudos engade tamén unha presión adicional, porque precisas ir aprobando para poder continuar cos teus obxectivos. A pesares de ter a axuda e apoio de meus pais, tal e como eles cumprían coa súa parte, para min era de recibo cumprir coa miña. Pero toda esa presión xa quedou atrás e só me quedo cos bos recordos e coas boas amizades que fun forxando entre liñas de código.
E a día de hoxe, alí sigo, comezando outra nova carreira de fondo: a da investigación. Para min foi un fermoso descubrimento e creo que como a maior parte das cousas bonitas que ocorren na vida, chegan por casualidade. As materias que máis me chamaban a atención na carreira eran as relacionadas coa intelixencia artificial e coas redes de comunicacións. E, xa no último ano, fun na procura de alguén que me puidera dirixir un traballo de fin de grao onde puidera combinalas, coa casualidade de que me ofreceron facer un traballo orientado á astronomía e dixen: «Por que non?».
Xa quería facer o mestrado en ciberseguridade e así probaba algo novo. E con esa casualidade, aquí estou, rematando o doutoramento en astronomía computacional. É unha profesión bonita. Estás encaixando pezas do crebacabezas continuamente para solucionar ou optimizar un problema. Hai que estar formándose dun xeito continuo para coñecer métodos ou achados aplicables ao teu ámbito. Eu incluso tiven a sorte de poder ir uns meses a Nova York aprender sobre a técnica que estou utilizando actualmente. Foi un cambio de aires radical, pero volvería repetir a experiencia.
Coplas
A pesares de vivir pegada á tecnoloxía, estáseme abrindo unha mira cara a parte tradicional. Sempre desfrutei da música e o baile tradicional, e hai pouco animeime a aprender baile e pandeireta. Ríome moito aprendendo coplas onde fan un uso sublime da retranca para meterse cos da aldea do lado. Tamén se me abriu un mundo coas foliadas. Vivimos nun momento social no que apenas nos saudamos pola rúa, e ir a esas xuntanzas é un cambio de chip total. Bailas con xente que quizais non volvas ver, e fágalo mellor ou peor, vaiche tocar seguir puntos que non sabes ou ti intentar recordar algún para sacar. As primeiras veces que fun tíñalles un pouco de respecto porque apenas sabía. Agora, non sei moito máis, pero xa queda a vergonza na casa.
Algúns apuntamentos biográficos
Naceu en 1997 en Carballo, na parroquia de Oza, onde aínda reside. Estudou o bacharelato no instituto Isidro Parga Pondal e no 2015 comezou o grado de Enxeñería Informática na Universidade de A Coruña onde agora é profesora no departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información. Forma parte tamén do Laboratorio Interdisciplinar de Aplicacións da Intelixencia Artificial, que participou na creación da ferramenta para procesar e analizar os datos obtidos pola misión espacial Gaia da Axencia Espacial Europea e elaborar con eles a cartografía en tres dimensións máis grande da galaxia.