«O labor social é o máis bonito do meu traballo, dá sentido a todo o que fago»

marta lópez CARBALLO / LA VOZ

CEE

SANDRA ALONSO

Natural da parroquia ceense de Toba, José Antonio Riveiro é o director da delegación santiaguesa da ONCE. Di que retorna cada fin de semana á súa terra natal: apórtalle tranquilidade

10 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Pese a súa curta idade, o ceense José Antonio Riveiro Canosa (Toba, 1984) exerce dende hai uns meses como director da delegación santiaguesa da ONCE. Diplomado en ciencias empresariais e formado máis tarde en asesoría fiscal e tributación, Riveiro Canosa tivo dende cativo unha fonda vinculación coa organización, á que está afiliado dende a temperá idade de 9 anos. Defínea como a súa «segunda casa» e como unha «filosofía de vida». O contacto humano e a posibilidade de solventar as necesidades diarias de persoas con deficiencia visual, di este ceense, é a mellor parte do seu traballo, o que lle dá sentido.

-É vostede natural de Toba.

-Si, en concreto dunha aldea que se chama Cabaleriza, aínda que a parroquia é Toba.

-E retorna cada fin de semana desde Santiago.

-Si. É un momento para respirar e estar cos teus despois de toda a semana traballando. Apórtame moita tranquilidade.

-¿En que consiste o seu traballo diario como director da delegación santiaguesa da ONCE?

-Pois por unha parte está o labor social, que poñemos en coñecemento dos afiliados os dereitos que teñen, digámolo así: apoio ao estudio, participación en actividades sociais e culturais… Iso, por unha parte. Pola outra está a bolsa de traballo, que eu me encargo de xestionar. Temos en Santiago unha plantilla de máis de cen vendedores, pero é importante tamén ter un «recambio», por así dicilo, para as necesidades concretas que vaian xurdindo diariamente (vacacións, baixas, reforzos puntuais…).

-Tamén realiza visitas aos afiliados.

-Si, teño un mínimo de dous contactos anuais con cada un. É importante sempre charlar e manter contacto con eles para ser conscientes das súas necesidades e poder poñer os medios para solventalas.

-Son máis de catrocentas persoas adscritas á súa delegación. Suporá un notable esforzo.

-O que nos facilita moito as cousas é que non todos eses contactos son presenciais, senón que se establecen tamén por vía telefónica. Moitos xa interactúan durante todo o ano coa axencia, ao participar en diferentes actividades sociais. Aqueles que traballan fóra da ONCE ou cos que non se mantén tanto contacto, pois si que os visitamos e os chamamos con frecuencia para ver se están ben ou precisan dalgunha cousa.

Agradéceno moitísimo. Tamén hai que ter en conta que a ONCE naceu un pouco para iso, para intentar mellorar as condicións de vida de persoas invidentes ou con deficiencias visuais graves. Non só no ámbito laboral, senón tamén no social e persoal. O labor social é o máis bonito do meu traballo, o que dá sentido a todo o que fago.

-¿Como recibiu a noticia do seu nomeamento?

-Pois foi toda unha sorpresa, non mo esperaba nin moito menos. Foi evidentemente un gran cambio na miña vida profesional, xa que a de Santiago é unha das maiores axencias de Galicia. Sinto unha gran responsabilidade pola confianza depositada en min.

-¿E os seus achegados?

-A eles tamén lles sorprendeu, como a min, pero estou moi agradecido polas mostras de cariño recibidas tanto de amigos, como de familiares e veciños. Foi moi bonito a verdade.

-¿Sempre é importante comezar dende abaixo?

-É moi importante coñecer o lugar na que vas traballar. Eu son afiliado dende os nove anos e pasei por moitas etapas: fun a campamentos dende neno, participei en actividades sociais de todo tipo… Tiven sempre unha relación moi estreita coa organización, xa antes de traballar aquí.

-Dicía no seu día que a ONCE era case como a súa segunda casa.

-Dende os nove anos estou implicado. Formeime nun dos seus centros e despois tamén me respaldaron nos meus estudos universitarios e postuniversitarios. Sempre lles estarei agradecido polo apoio e polos valores que me transmitiron. Somos algo así como unha gran familia, ao fin e ao cabo.

-¿Descoñecemos aínda o labor que leva a cabo a organización?

-Pode ser. A labor divulgativa nunca se acaba, pero é importante que, cando alguén vexa a un invidente cun can guía pola rúa, saiba que ese animal foi cedido gratuitamente pola ONCE; ou que cando se atopan cun vendedor na rúa, tamén se está axudando con eses beneficios a que unha educadora especial se desprace a un instituto a participar nunha acción formativa. Todo o que se recada é revertido na sociedade.

-¿Como está a Costa da Morte en materia de accesibilidade?

-Pois pese a que se fixeron moitos avances respecto ao pasado, é imprescindible concienciar á clase política de que a accesibilidade é algo esencial, en especial para o noso colectivo. Hai que desfacerse das barreiras: construír de maneira accesible non rompe, nin moito menos, coa estética dun lugar. Hai moito camiño aínda por percorrer e temos que estar sempre ao pé do cañón recalcando que este é un tema de suma relevancia.

-¿E en materia de aceptación social?

-Eu creo que xa se romperon moitos tabúes respecto a ese tema e que a sociedade normalizou completamente o feito de atoparse a unha persoa camiñando cun bastón pola rúa. Cando falas cos afiliados, eles cóntanche que están plenamente integrados, tanto na cidade na que viven como entre a sociedade que os rodea.

-Este mesmo ano presentouse un bastón especificamente deseñado para identificar ás persoas que padecen de sordocegueira, con franxas vermellas e brancas. Sempre son de agradecer avances deste tipo, ¿non?

-Pois foi precisamente presentado co apoio da ONCE. A xente, cando ve un bastón branco, sabe xa que se atopa ante unha persoa cun problema de vista. Agora, incorporándolle unha franxa vermella, damos máis información indicando que esa persoa tamén padece un problema auditivo e facilitamos a comunicación entre eles. Queda moito labor divulgativo que facer para facer chegar á xente estes avances e que sexan facilmente identificable. Os afiliados, pola súa banda, son xa coñecedores de que teñen ese produto á súa disposición por se o precisasen.

-Tamén se presentaba esta semana un cupón ilustrado co santuario dos Milagres de Caión.

-Cinco millóns de cupóns se repartiron por toda España. É unha boa forma de dar un impulso turístico a moitas localidades do país e tamén de agradecerlle á sociedade todo o que fai por nós.