O abeto grego

Vicente de Lema ONDA MAINA

CEE

.

18 oct 2023 . Actualizado a las 17:25 h.

Cee garda un dos grandes tesouros da educación en Galicia. Un fabuloso legado, a Fundación Fernando Blanco, o emblema da formación e a cultura do noso Fisterra. Foi o último gran soño dun filántropo. O emigrante cubano que encheu a súa vila natal de ciencia, cultura e arte. E o xardín botánico do agora instituto é unha das súas xoias. En 1884 rematábase de construír a torre do edificio de forma pacega no que estudaron xeracións e xeracións de mozos, que puideron dispor das mellores coleccións didácticas, científicas, técnicas e artísticas do momento. Con cadros do mesmísimo Federico Madrazo. E aí estaba tamén o xardín botánico, digno dos mellores pazos. Foi deseñado polo arquitecto Aguilar. As plantacións leváronse a cabo entre o 1880 e o 1886. Un oasis verde na vila da Xunqueira, con exemplares pouco comúns e medio cento de especies. Un espazo envexable para pasear en silencio, gozar da tranquilidade dunha illa de natureza egrexia e para momentos de emoción. E vai e o seu exemplar máis exclusivo, o abeto grego, moi escaso en Galicia, resulta vítima dos refachos do vento que trouxo Babet, unha nova borrasca maldita cun novo episodio de pena na Costa da Morte. Unha perda, como unha mastectomía ou unha amputación. Era a primeira gran árbore que un atopaba nada máis entrar no xardín. Á esquerda, maxestoso. Adornábase con cinco ramas grosas dispostas arredor do tronco dende abaixo. Era como o emblema e o seu aire de candelabro dáballe aspecto de símbolo. Debaixo del facíanse fotos do casamento. A imaxe do amor eterno. Recentemente, Miro Villar recitou poemas ao seu pé. Agora soarían a adeus. A réquiem.