A música: profesión, afección e vida

ÁLEX CASTRO

CEE

Marcos Miguez

En primeira persoa | Escribe Álex Castro | Tiña unha ilusión, que algún día sería eu quen estivera enriba dos palcos, xa fose cantando ou tocando

01 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda recordo cando de pequeno ía ás míticas sesións vermús, típicas da nosa terra. Galicia, con esa súa beleza musical e cultural que tan coñecida é. Apenas tiña eu tres ou catro anos e lembro á miña familia levándome a elas. Vía naquelas sesións vermú uns grandes músicos subidos nun palco que, desde os meus pequenos ollos, eran enormes. Tiña unha ilusión, que algún día sería eu quen estivera enriba deles, xa fose cantando ou tocando.

Chámome Alejandro Castro Figueiras, orixinario de Brens, Cee, e como iredes descubrindo, toda a miña vida dende que teño memoria estivo ligada coa música, sobre todo co ámbito clásico e coa tradicional galega. Meus pais decatáronse do meu afán por esta tan grande arte e, con apenas cinco anos, animáronme a aprender a tocar a pandeireta e o tamboril. Isto foi grazas á asociación cultural de Brens e tamén aos gaiteiros de Buxantes, que tan ben me arrouparon nas súas filas. Con eles tamén aprendín a tocar a gaita.

Un ano máis tarde, cando eu tiña xa seis, atoparíame na unitaria da miña aldea, Brens. Xa dende neno, os pais presentes puideron ver as miñas primeiras actuacións e, segundo eles, o gran futuro que me depararía. Foi nese momento cando tomaron a decisión que cambiaría a miña vida cara ser o músico que son hoxe. Inscribíronme na Escola de Música de Cee. Sería alí onde eu descubriría dous mundos, o do bombardino e o do acordeón. Este último sería o instrumento que levaría para sempre, converténdose no meu instrumento principal e amigo de por vida.

BASILIO BELLO

Toda esa época lémbroa con moito agarimo e morriña. Facer amizades, uns dos primeiros contactos coa vida social, e levarse tan ben cos profesores, axuda a aprender e estudar. Se tivese que resaltar algún deles, sería sen dúbida ningunha a Fernando Fraga, un dos mellores acordeonistas e profesores que temos no noso país. Sen el, seguramente non sería nin a metade do que son hoxe. Fraga axudoume a amar aínda máis a música e o gran instrumento que pode chegar a ser, e é, o acordeón.

Grazas á escola adquirín un montón de coñecementos musicais e persoais, como tocar, e tamén coñecementos básicos, ou de como relacionarse cos demais. Así, inscribinme na Banda de Cee e o grupo folk Nordés Project, da propia Escola ceense. Aquela foi a primeira vez que fixen música en colectivo, e comprobei o bonito que é compartir cos demais e co mundo, sendo este o meu piar.

A música é o único idioma mundial, e poder compartila cos demais é un soño cumprido.

Xa pasando o tempo, seguín medrando. Atoparíame despois con dez anos e cunha calidade que ata o momento non a tivera en conta, outra rama como é o canto. Dende ben pequeno miña nai ensinábame as cancións que a ela lle encantaban, como as Joselito ou Manolo Escobar, entre outros. Grazas a ela, ampliei o meu coñecemento musical e empecei a cantar as súas cancións. Isto levou á miña nai a falarlle ao director da banda de Cee desta capacidade vocal que tiña, e deu como resultado que un neno cantador sen experiencia, e con moitos nervios, acabaría tendo a súa primeira actuación cantando en público Campanera, de Joselito.

Vin no canto una paixón enorme, e decidín apuntarme a clases para mellorar: moitos profesores axudáronme a colocar mellor a voz ou a acadar certos rexistros. Grazas a eles, ao desempeño, e á constancia, tiven varias aparicións na TVG en programas como Luar, Aquí Galicia ou Pequenos fenómenos, concurso no que acadei o terceiro podio.

Marcos Miguez

Como xa comentei anteriormente, desde os seis anos empecei co meu amigo de por vida, o acordeón, e xa cando cumprín os catorce, profesores e familia animáronme e decidín, con valor e valentía, acudir aos primeiros cursos internacionais.

O primeiro deles foi o concurso internacional de acordeón de Alcobaça, en Portugal , onde coñecín grandes acordeonistas a nivel mundial, como Franck Angelis, Alexander Dmitriev... Anos máis tarde presentaríame ao concurso nacional de acordeón en Ponferrada, no que acadei o primeiro premio na categoría B de concerto. A partir dese momento, xa alcanzada a maioría de idade, tomei a decisión de apuntarme ao Conservatorio Superior da Coruña, onde realizo o terceiro curso.

Hoxe en día sigo a pleno pulmón cantando e tocando, en diversos festivais ou mesmo no grupo Mestura Folk. Sigo aprendendo a vivir, a tocar, a cantar, xa que sempre podes aprender algo novo. Pero se de algo que estou seguro, e toda a miña vida así o reflexa, é de que, creo, estou feito para a música. Loito e loitarei para facer dela a miña profesión, a miña afección, e en conclusión, tamén a miña vida.

DNI

Álex Castro. «Estou no lugar correcto», dicía Álex Castro nunha entrevista no 2023, horas antes de acompañar co seu talento ao acordeón nunha entrega de premios do certame Territorio Vákner. Este texto deixa constancia de que si, de que a música era o seu lugar. Aquel día deixou abraiado ao público con pezas tradicinais, de Kepa Junkera ou Vivaldi. Álex naceu nun simbólico ano, o 2000.