A exposición recolle 82 acuarelas do intelectual galeguista
18 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.«Durante a súa estancia en Coruxo dedicábase a pintar acuarelas dunha grande delicadeza, que evidenciaban a súa sensibilidade», dicía Francisco Fernández del Riego hai uns anos para referirse á faceta artística de Plácido Castro (Corcubión, 1902 - Cambados, 1967), un aspecto pouco coñecido do intelectual galeguista. Agora, todos podemos acceder á súa obra a través dunha exposición que acolle o Museo do Mar de Galicia.
Plácido Castro. Unha Galicia Soñada, que estará aberta ao público ata o 2 de marzo e completarase coa publicación dun catálogo, amosa a faceta máis descoñecida deste home como pintor e debuxante do que destacan a calidade das súas obras. Plácido Castro (Corcubión, 1902-1967) foi unha das persoas máis senlleiras do galeguista do século XX. Foi un dos membros fundacionais do Partido Galeguista en 1931, e, no ano 1933, representou a Galicia no IX Congreso de Nacionalidades Europeas celebrado en Berna, onde se considerou a Galicia como unha nación.
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, foi o encargado de inaugurar onte a exposición Plácido Castro. Unha Galicia soñada, no Museo do Mar de Galicia. Durante o acto de apertura da mostra, destacou «a súa faceta de pintor menos coñecida dentro da súa traxectoria vital como sinalado intelectual do século XX». Trátase dunha mostra organizada a través da colaboración entre o Goberno galego e a Fundación Plácido Castro.
Durante a presentación, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor a figura do artista, natural de Corcubión, e destacou «a sensibilidade pola cultura mariñeira que expresan as súas pinturas». Tal e como salientou, a través desta mostra, que conta cun total de 82 acuarelas, «podemos descubrir a calidade artística deste persoeiro, que ilustrou as paisaxes galegas de localidades da Costa da Morte e Muxía, ou das Rías Baixas como Vigo ou Cambados».
Tras a guerra civil, e unha estancia obrigada en Coruxo, onde comezou a facer traducións de poesía inglesa ao galego, Plácido Castro, que fora inhabilitado polo réxime franquista, exiliouse no Reino Unido. Alí, protagonizou outro fito da cultura galega. Durante varios anos, Plácido Castro dirixiu un programa de radio na BBC titulado Galician Programme no que empregaba o idioma galego.
A exposición pódese visitar ata o 2 de marzo no Museo do Mar de Galicia (avenida da Atlántida, 160) en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas de martes a venres; e os sábados, domingos e festivos, entre as 11.00 e as 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas. A entrada é gratuíta.