Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Actos polo centenario do Cristo da Agonía de Corcubión

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CORCUBIÓN

A talla, unha das de maior valor artístico da igrexa parroquial, é obra do escultor José Rivas

23 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Días 3, 6 e 12 de abril • O Santo Cristo da Agonía é unha das tallas de maior valor artístico da igrexa parroquial de Corcubión. Acada o centenario, e esa efeméride ben merece uns actos conmemorativos. Repartiranse en tres días e deunos a coñecer este sábado a parroquia de San Marcos, lembrando que a talla é obra do escultor José Rivas, falecido hai 75 anos.

O xoves 3 de abril, ás 20.00 horas, o investigador Paulo Blanco Quenlle ofrecerá unha conferencia sobre a vida do escultor e a súa obra, con outras tallas en Corcubión mais tamén imaxes que procesionan nas principais cidades galegas. A continuación, o pintor Alberto Blanco Suárez presentará o cadro conmemorativo do centenario, pintura que ilustra o cartel oficial da Semana Santa da Unidade Pastoral. Tanto unha intervención como a outra serán na propia igrexa.

O domingo 6, por outra banda, ás 10.00 da mañá, retransmitirase a misa pola canle de televisión autonómica dende o templo de San Marcos, podendo verse o altar extraordinario preparado con motivo destes actos.

Presenza do arcebispo

Finalmente, para o sábado 12 de abril ás 12.00 horas está prevista unha eucaristía conmemorativa deste centenario. A celebración será, pois, na véspera do domingo de Ramos, e estará presidida polo arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto. A parte musical das celebracións relixiosas correrá a cargo da coral polifónica Airiños de Quenxe, de Corcubión.