
A Remollo | «As patacas gústanme como as facía a miña nai», di o coñecido actor compostelán, que nunha semana estará na Festa da Pataca en Coristanco
08 sep 2019 . Actualizado a las 09:22 h.Están a ser estes anos doces para Luis Zahera (Santiago de Compostela, 1966). Recentemente fíxose cun premio Goya polo seu papel en El Reino e, entre outros proxectos, pronto comezará unha produción relacionada co Camiño de Santiago, ademais de pechar a Festa da Pataca de Coristanco o domingo próximo (20.00) cun monólogo. Non será esta a súa primeira aparición por terras de Bergantiños, pois hai xa dous decenios pronunciou o pregón desta mesma celebración xunto con Ana Santos. Non eran Ana e Luis, senón Pitusa e Petróleo, célebres personaxes da serie televisiva que o lanzou á fama no audiovisual galego, Mareas Vivas, rodada en Laxe.

-Este verán percorreu unhas cantas festas gastronómicas. É de bo comer?
-Ultimamente hai un montón de festas deste tipo, que está ben, pero non podemos esquecernos de aspectos como a educación ou a sanidade, que son moi importantes. Pero si, son de moi bo comer [ri]. Fago bastante deporte, así que compenso unha cousa coa outra.
-Como lle gustan as patacas?
-Ai... Como as facía a miña nai. Antes da tortilla, facíaas a fogo lento e despois subíalles o lume ao final. Entón, quedaban moi cremosas por dentro e churruscadas por fóra. Así é como me gusta a pataca.
-Esas tortillas das nais e das avoas non teñen competencia.
-Si, e o caldo! Eu son moi comedor de patacas, a verdade. Menos de bolsa, de bolsa non as como. Pero cocidas cun pouco de loureiro, en caldeirada de peixe... Fundamental para min.
-A que sabe a Costa da Morte?
-Sabe a Mareas Vivas. Aos anos que rodamos en Laxe, vendo aquelas ondas e aquel mar. Miña nai querida! Cando entraba o nordés e botaba once días cun vento que impresionaba. Sabe a dureza; a que tes que nacer alí, porque a un compostelán a Costa da Morte fáiselle un pouco costa arriba.
-Que significou para un compostelán como vostede dar o pregón das Festas do Apóstolo?
-Fun por segunda vez, de feito, porque a primeira foi nos tempos de Mareas Vivas. Repetir foi o máximo; estar alí, coas xentes do pobo, lembrando cousas de cando era meniño. Esa Compostela que eu coñecín de rapaz. Fíxome moita ilusión, e aínda por enriba volver por segunda vez... Eu xa fun repetidor [ri], que repetín oitavo de EGB e primeiro de BUP, pois gustoume repetir tamén no pregón [ri].

-É este o ano de Luis Zahera?
-É un momento moi doce para min, a verdade sexa dito. Con todas estas novas plataformas, hai un lote de traballo para os actores que estamos minimamente consolidados. Está sendo un bo ano, hai moitas ofertas.
-Ten ganas dunha comedia romántica?
-Si! Sempre fantasío con iso. As miñas películas preferidas son, como dicía a miña nai, as de amor. Non creo que moitos directores ou produtores me vexan nesa tesitura [ri], co cal xa o considero case unha fantasía. Os que facemos de malos, queremos facer de bos, e viceversa. Eu son un deles. Non obstante, o problema non é que te encasillen, senón non ter traballo. Non me podo queixar.
-Se algún produtor nos le, que saiba que a intención está aí.
-Efectivamente [ri]. A ver se alguén a recibe!
-Algún proxecto en marcha?
-Pois estou pendente de arrancar unha cousiña aquí en Galicia sobre o Camiño de Santiago, con Mamen Quintas e Lulo Casal como produtores. Ao ser o 2021 ano Xacobeo, para o ano comezaremos esa produción.

















































Máis de cerca
- Praia ou piscina? Praia
- Mar ou montaña? Mar
- Durante o verán, que prefire, chill out ou chiringuito de verán? Chiringuito, xa estou moi maior para o chill out
- Gústanlle as verbenas? Gustábanme de rapaz, pero a día de hoxe prefiro deitarme cedo e madrugar
- É moito de redes sociais? Son un analfabeto dixital, non teño nada
- Que elixiría entre carne ou peixe? As dúas cousas, a verdade
- E entre peixe ou marisco? Marisco, marisco e marisco. En especial as ostras, que é o que máis me gusta de todo o que hai neste mundo
- É máis de cear fóra ou quedar na casa e cociñar algo vostede mesmo? Non cociño nada, a verdade. Como sempre por aí, investigo...
- Prefire o norte ou o sur de España? Son máis de norte, creo eu. Pero que conste non miro mal ao sur, eh!
- En que parte do avión prefire viaxar? Tanto me ten, nunca pensara niso, pois vou onde me poñan. Gustaríame ir co piloto, pero non se pode [ri]. Podían rifar un asento ou algo así, deberían darlle unha volta a ese concepto.