Muxía sanda con arte aqueles tempos de «senda proscrita»

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

Tarde de literatura e pintura coa Asociación Amigos de Gervasio Sar na sala A Camposa muxiá

03 feb 2023 . Actualizado a las 23:44 h.

A senda proscrita describe o camiño percorrido polos celtas cara o Fisterra. unha ruta misteriosa que a igrexa de Santiago estigmatizou, pero que ao seu paso deixou un lendario sinal envolto nun enigmático halo... (A senda proscrita)

«A arte é un termómetro, un detector de progreso», pronunciou este venres en Muxía o crítico Antón Castro. Puxo moito da súa parte, como acreditaron as distintas intervencións, para que a sala A Camposa, «lugar simbólico», como a definiu o alcalde, Iago Toba, acolla ata o 10 de febreiro A senda proscrita. Algo máis de 40 acuarelas creadas polo pintor ourensán (e xa muxián) AleXandro inspiradas no texto que escribiu Alberto Cacharrón para inmortalizar historias, lendas e tradicións da Costa da Morte e do seu Camiño. O acto, promovido pola Asociación de Amigos de Gervasio Sar, comezou «como comezaba a praza aquí hai centos de anos», co son da buguina. Así o dixo Xusto López, condutor dun encontro que levou á vila da Barca a boa parte da corporación, pero tamén ao historiador Antón Pombo ou ao alcalde de Fisterra: «Estamos no mesmo final de Camiño», dixo Xusto.

Ana García

A buguina tinguiu de emoción a intervención do editor do libro A senda proscrita, José Luís Teófilo. Cargouse de poesía para lembrar ás peixeiras, a súa nai, á súa avoa, o seu compromiso con elas. «Espero que desfrutedes tanto deste libro e desta exposición como puiden desfrutar eu da súa creación», pechou. Movéndose polos bordes do mito, tomou a palabra Alberto Cacharrón, coa súa paixón polo Camiño e todas as súas rutas ás costas. Alumearon, como dixera López, un «libro tabernario». Un libro que é obra de arte, un texto que está dentro do real marabilloso e unha pintura, a de AleXandro, que ilustra un modo de interpretar a vida, nas verbas de Antón Castro. Acuarelas que fan preguntas. Foi moi breve o artista: falou de paisaxe, de néboa, da «honra» que fora este traballo que difire dos grandes formatos que adoita crear.

Ana García

Unha feliz «confluencia», «dúas mans», afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. O Camiño á Costa da Morte, outrora proscrito, xa non o é, «e este acto é unha boa maneira de lembrar o dinamismo que nos caracteriza». Gabou o traballo de todas as partes implicadas.