A Fundación do Couto ten en marcha un amplo programa, e cada un dos actos leva un verso por título
02 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.O ano que vén será o do centenario do pasamento de Eduardo Pondal (8 de febreiro 1835-8 de marzo de 1937), e a súa Fundación, con sé no Couto (Ponteceso), vai conmemoralo cun cento de actividades, divulgación e tamén innovación sobre o poeta. Cen actos para un centenario. O seu nome xa o di todo: Cen propostas para o centenario do cabodano de Pondal. Son tan variadas que xa levan meses traballando nelas. Inclúen música, literatura, medicina (o bardo era galeno), novas tecnoloxías, roteiros en Ponteceso e noutras vilas galegas, difusión... Máis ca resumir, o mellor é describir.
Así, inclúese unha antoloxía poética do autor, titulada «Da alma no fondo / eu levo unhas cordas/ que a cada momento /soando están soas». Cada actividade leva un dos seus versos. Tamén unha carpeta de poemas soltos: «Todo vence a beleza / peregrina e sen erro». E un simposio. Outro máis, pero este vai ser O Simposio dos simposios. Ó abrigo do vento circio.
Tamén haberá un Encontro de Bandas do Rexurdimento, así que non poderán faltar nin a de Celanova nin a de Padrón. De feito, haberá varias actividades en común con estas dúas vilas, patria de Rosalía e Curros. Un curso de lingua portuguesa, a Universidade Sénior Pondaliana, un remonte fluvial da desembocadura do Anllóns, un Rueiro do Rexurdimento, un disco sobre o autor, as Festiletras (35, xa), sobremesas especiais citados polos poetas, placas con poemas ao longo das testemuñas poéticas de Pondal, estudos sobre a paisaxe, preguntas sobre a súa obra, musealización da reitoral, ou a súa antoloxía poética en braille. Colabora a ONCE, tamén para elaborar un cupón do centenario.
Cabreiroá tamén participará nun dos actos, e haberá una exposición itinerante, bailes tradicionais, un «roteiro cívico coruñés», por onde el pasou (morreu na rúa Juana de Vega), unha escola de tempo libre, un programa cultural específico, A Maleta Viaxeira da Fundación Barrié, un programa cultural específico, un encontro da rede de normalización e outros con colectivos variados, aulas científicas, unha aplicación Doodle para saber máis da súa vida e a súa obra, ruta cabalar de Ponteceso a Nemiña, aula de declamación, unha cóva céltica, un proxecto audiovisual de Omar Rabuñal, colaboración co comercio local, creación de iconografía específica, un concurso de curtametraxes, un encontro de centros docentes que levan o nome do poeta, curso de caligrafía, feira científica Isidro Parga Pondal, certame de pintura ao aire libre Álvarez de Sotomayor, coplas de entroido «ao xeito ferrolán», estudo das aves sobre as que escribía, e sobre a campá de Anllóns ou o dolmen de Dombate.
Dentro deste amplísimo programa para todo o ano tamén haberá un Himno Galego cantado coa lingua de signos, un anecdotario biográfico a cargo de Juan Félix Neira, un encontro de aldeas singulares, conferencias de autores, un encontro da xuventude galaico-portuguesa, un curso artístico de cerámica, etiquetaxe específico dos percebes do Roncudo, videopoemas que incluirán a Novoneyra, análise da toponimia e a antroponimia do seu «nativo val», estudo sobre Os Pinos, murais nos centros educativos, unha gravación musical, un vídeo documental ou actos singulares nas feiras do libro de Carballo e Cee. Mesmo un lipdub (vídeo no que os protagonistas fan que cantan unha canción, por quendas, e dunha soa toma), a escola de inverno, cestería, consellos médicos e unha ampla galería de iniciativas.