As cincuenta estampas desta obra esencial de Castelao estiveron desaparecidas 80 anos
04 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Os debuxos orixinais do Álbum Nós ocupan desde onte un lugar destacado nas Salas Castelao do Museo de Pontevedra, onde están expostos de forma permanente. As cincuenta estampas desta obra esencial do rianxeiro estiveron desaparecidas durante oitenta anos ata que no 2016 foron localizadas nunha colección privada polo equipo técnico que estaba a traballar na mostra Meu Pontevedra, realizada ese ano para conmemorar a chegada do artista a cidade do Lérez.
Tras cedelos para aquela mostra, a familia propietaria, que quere permanecer no anonimato, aceptou que quedasen en deposito no Museo durante os próximos cinco anos, o que levou a unha remodelación das salas Castelao, agora reinauguradas tras varios meses pechadas para buscarlle un acomodo específico a tan valiosas pezas.
A localización dos debuxos de Nós foi un fito histórico que puxo fin a oito décadas de busca constante por parte de axentes do mundo da arte e desmontou as lendas que se crearon sobre o suposto secuestro e incluso destrución destes orixinais pola súa temática alusiva as lacras sociais da Galicia daquel tempo. O director do Museo, Carlos Valle, indicou ao respecto que a súa recuperación «devolve a honorabilidade as persoas, algunhas falecidas, que foron maltratadas de palabra pensando sen motivo algún que eran responsables da súa ocultación». Referiuse en concreto a Filgueira Valverde, Sánchez Cantón e mesmo Xavier Baltar.
Valle explicou, sen dar máis pistas, que está contrastado que Castelao regalou os debuxos a un antepasado da familia propietaria porque estaba en débeda persoal con el. E asegurou que esa familia conservou o legado de boa fe, allea ás interpretacións sobre a súa desaparición ou ocultación.
Representantes das principais institucións culturais de Galicia e das distintas administracións asistiron onte ao acto de benvida aos orixinais de Nós e reapertura das salas de exposición permanente da colección do artista. «Un auténtico momento histórico». Así o viviron todos os asistentes, empezando polo alcalde, Miguel Fernández Lores, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva. Coa incorporación destas pezas «complétase o ciclo Castelao non só no Museo de Pontevedra, senón en termos absolutos. Agás que apareza unha novidade de magnitude na súa obra -da que non temos noticia-, todo o importante do que produciu e realizou está aquí», sinalou Valle.
O acto rematou cunha visita guiada por Ángeles Tilve e Xosé Manuel Castaño, os conservadores do Museo que atoparon os orixinais do álbum. E como colofón, o debuxante e escritor Siro López presentou o libro Castelao na arte europea.
Preto de duascentas pezas expostas ao público de xeito permanente
Coa chegada das cincuenta estampas de Nós reformuláronse os contidos das salas Castelao do Museo de Pontevedra con cambios substancias, reordenando pezas de catro décadas de traballo do artista datadas dende os primeiros anos do século XX ata avanzados os anos 40. Na primeira sala están dispostos os grandes lenzos e óleos de gran formato cedidos en depósito pola Real Academia Galega, que proceden da decoración que o rianxeiro realizou para o Gran Hotel de Mondariz. O Álbum Nós dispón de un espazo diferenciado propio e, segundo incidiron os conservadores, supón un punto de inflexión en Castelao como artista. A partir del fóronse aportado outras pezas, como un conxunto de cartaces, xornais ou obras orixinais, que culminan la última sala con pezas literarias e grandes series como os álbums de guerra ou os debuxos negros. En total o Museo ten expostas de forma permanente preto de 200 pezas de Castelao.