As bibliotecas privadas gardan volumes que, máis alá do económico, tamén teñen un valor simbólico por motivos sentimentais ou, como as boas obras, por cambiar aos seus posuidores
23 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Na década de 1480 o artista Fernando Gallego pintou unha bóveda celeste no teito da biblioteca da Universidade de Salamanca. Aquelas constelacións de estrelas lembraban a quen se sentaban baixo elas que, arrodeados de libros, se atopaban moi preto do ceo grazas á combinación do saber contido nos volumes e mais ao seu incalculable valor económico. As grandes bibliotecas públicas e privadas seguen a custodiar un valioso patrimonio impreso, pero as coleccións persoais tamén conteñen alfaias que, por cuestións bibliográficas ou persoais, son verdadeiros tesouros para os seus posuidores. Hai quen descubriu unha vocación nun libro, hai quen viviu unha revelación nas súas páxinas, e mesmo hai quen leu unha obra antes incluso de saber ler.
Un novo mundo
No camiño da lectura. Hai libros capaces de exercer unha fascinación que precede ao coñecemento das letras. Foi o caso da poeta Olalla Cociña: «O primeiro libro do que teño memoria e que aprendín de pe a pa foi O lobo lelo, un conto universal rimado na deliciosa versión galega de Xohana Torres, publicado por Galaxia en 1979, que ademais foi o ano en que nacín». A escritora lembra que aínda non sabía ler, pero xa llo recitaba aos maiores. «Está cheo de tiritas de tanto que lle pasei as páxinas!».
Un caso semellante é o da bibliotecaria da Universidade de Santiago Lorena Gómez Méndez, quen, malia herdar da biblioteca do avó xoias como a edición de opera omnia das Sonatas de Valle-Inclán, o volume que máis valora é unha edición dun libro de Elena Fortún, Cuchifritín y Paquito. «Lembro a miña nai (era o seu libro favorito de nena) dicíndome: “Cando saibas ler, agárdate aquí Cuchifritín”. E así foi: lembro silabar nesas páxinas con miña nai ao lado, asentindo cun xesto de aprobación».
O valor sentimental no caso do escritor Antón Riveiro Coello, quen elixe unha adaptación da Odisea de Homero, é dobre: «O primeiro, porque me lembra o abraio da súa lectura logo da recomendación dun profesor e, segundo, porque é un libro que roubei nunha biblioteca pública cando era adolescente».
Tamén está moi vinculado á biografía de Gustavo Adolfo Garrido, director da Fundación Carlos Casares, a súa escolla, Las piedras de Venecia, de John Ruskin. Trátase dunha edición de 1961 de Iberia, que mercou en 1984, fascinado polas pinturas de barcos de Turner, de quen Ruskin era un grande admirador. «Abriume os ollos a esa cidade marabillosa», di Garrido do libro, que catro anos despois levou a Venecia na súa viaxe despois de casar.
Revelación
Outro xeito de ver. Un libro pode abrir novas perspectivas. «O libro máis prezado que posúo é Sexual Politics de Kate Millett, nunha edición barata de 1971 (ten de marcapáxinas unha entrada do Cine Cartago de Madrid), pola influencia que tivo na miña forma de pensar e de escribir», di a escritora e académica Marilar Aleixandre. «Eu xa era feminista e lera a Beauvoir, mais o libro de Millett deume unha lente para analizar as expresións da ideoloxía patriarcal na literatura e nas artes; a entender como a imaxe que ten a sociedade das mulleres é tamén construída polas novelas ou o teatro», engade.
O xornalista e escritor Antón Castro elixe precisamente a palabra revelación para definir o que sentiu cando leu Historias e invenciones de Félix Muriel, de Rafael Dieste: «Un libro marabilloso de realismo máxico e poético dun dos escritores máis amados da miña vida. Foi toda unha revelación. La asegurada é probablemente o conto que máis me emociona de todos os que lin».
Algo semellante lle aconteceu ao deseñador Pepe Barro, quen, ademais dun libro herdado de súa avoa -que ela herdou dun tío crego-, como foi a segunda edición de Cantares gallegos de Rosalía, escolle a recomendación que con 18 anos lle fixo o deseñador Ventura Cores: El arte como oficio, de Bruno Munari. «Despois daquela lectura asentei a miña decisión de estudar deseño gráfico e dedicarme á súa práctica, xa hai máis de corenta anos», lembra Barro, quen logo iría ampliando a súa biblioteca de quen considera unha «iluminación». Sen saír do eido visual, unha experiencia semellante tivo o artista Xosé Cobas con El elogio de la sombra, de Tanizaki: «Agrandoume o concepto do silencio e da penumbra ao traducilo a imaxes».
Pola súa banda, o cineasta Óliver Laxe elixe outro director, Andrei Tarkovski, e o seu libro Esculpir en el tiempo. «É un dos meus mestres, quen maior pegada tivo en min. No libro figuran moitas cartas enviadas por espectadores. É moi interesante para entender a relación entre un artista e os seus espectadores, moi recomendable para non cinéfilos, para comezar a amar o cinema».
Coleccións
Referentes. Domingo Villar cita como algúns dos volumes prezados na súa biblioteca persoal unha edición de 1943 de Saturnino Calleja que reúne varios títulos clásicos de Chesterton, como El hombre que fue jueves. O autor vigués de novela negra tamén colecciona edicións diferentes de O falcón maltés, de Dashiell Hammett, e d’A illa do tesouro de Stevenson, entre estas últimas unha ilustrada por Hugo Pratt.
En cambio, o escritor e editor Fran Alonso non se considera fetichista ou mitómano, polo que non ten libros de cabeceira ou referentes. De ter que escoller un volume elixe Silabario da turbina, de Rompente, mercado nalgún «cafeto» do Vigo de comezos dos anos 80. «Líao en voz alta diante dunha gravadora e logo escoitábao. Creo que é un libro que, naquel momento, me deu moito e sintonicei con el».
Poesía tamén é a elección da escritora Ledicia Costas, que de entre os exemplares prezados da súa biblioteca propón agora Almudena, de Luis García Montero, unha recompilación que recolle vinte anos de amor e prologada por Almudena Grandes: «Que no me lea quien no haya visto nunca conmoverse la tierra en medio de un abrazo». «Creo que por isto é o meu libro máis prezado. Porque é coma un abrazo que protexe o único que lle dá sentido ao mundo», di Costas.
Conmovedora é a historia que destaca Esther Gómez, da librería coruñesa Moito Conto: Del color de la leche, de Nell Leyshon. «Conta moito o feito de que un libro tan intimista me abrise tan boas relacións nesas redes que tecemos as librerías independentes», polo que considera que é moi acaído para un 23 de abril.
A gaiteira e pianista Cristina Pato confesa que lle resulta imposible elixir un só libro prezado da súa biblioteca. Tenos dedicados por «ídolos persoais» como António Damásio, pero tamén cita A montaña máxica de Mann ou os Ensaios de Montaigne, a carón de Joan Didion ou Rosa Montero. E tamén Rosalía, Lois Pereiro e Celso Emilio: «Aos que volvo sempre que me perdo».