A Castelao seica lle facía moita graza que o xornalista e escritor Wenceslao Fernández Flórez lle chamase «o Gandhi galego». O literato, nacido na Coruña en 1885, chamáballo con verdadeiro agarimo e sen asomo de ironía equívoca, primeiro desde Galicia e logo xa en Madrid, onde coincidiron os dous antes da Guerra Civil. Wenceslao admiraba a Maura, certo, pero rexeitaba a Romanones e, por isto ou polo que fose, o ácrata coruñés e o galeguista de Rianxo entendíanse e simpatizaban dun xeito natural.
É curioso que estes episodios vitais sexan vistos con receo por algúns puristas de non se sabe qué, cando se trata simplemente de vidas atrapadas nun xogo diabólico de confrontacións extremas, que desembocan en guerras civís e en réximes ditatoriais. O exemplo de Castelao e de Fernández Flórez obriga, entre outras cousas, a repasar as biografías e os episodios históricos que lles tocou vivir. Porque é certo que houbo unha admiración mutua entre eles. Algo que probablemente se esfarelou pola causa bélica.
Wenceslao dedicáralle ao político galeguista tres libros, pero despois chegou o tempo de non presumir diso. O xornalista e escritor foi acusado de non ser partidario da Fronte Popular. O tempo do medo pasouno agochado, primeiro na embaixada de Arxentina e logo na de Holanda, que lle agradecía así as fermosas descricións que fixera deste país no seu libro de viaxes La conquista del horizonte. Ao cabo, puido saír de Madrid pola mediación de Indalecio Prieto, que accedeu á petición holandesa.
A Castelao, a sublevación militar de 1936, que desatou a Guerra Civil, colleuno en Madrid, desde onde se desprazou a Valencia e despois a Barcelona. En 1938 exiliouse en Nova York e logo tomou parte na campaña das eleccións do Centro Galego de La Habana. Un ano máis tarde, en 1939, terminaba unha terrible guerra civil que xa non permitiría que nada seguise igual ca antes de que falasen as balas. En 1940, Fernández Flórez compareceu ante un consello sumarísimo aberto contra Julián Zugazagoitia e declarou na súa defensa. Inutilmente. Zugazagoitia, que fora deputado, ministro da Gobernación e director de El Socialista, foi condenado a morte e fusilado.