O filme da realizadora compostelá sobre o naufraxio en 1921 do Santa Isabel e as heroínas de Sálvora chega hoxe aos cines
02 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.A edición 25.ª do OUFF (Ourense Film Festival) outorgou o premio Xacobeo á mellor obra con produción ou coprodución galega de todo o certame a Paula Cons pola súa longametraxe de ficción A illa das mentiras. A organización enxalzou «o talento, o tesón e a profesionalidade da súa autora, uns valores nos que se ven representadas tódalas mulleres do audiovisual galego que loitan por ocupar un lugar destacado no panorama nacional e internacional». Así o destacou a acta da comisión -na que participan a Xunta e a Deputación de Ourense- que concede un galardón -é a primeira vez que o entrega- dotado con 12.000 euros, contía que, dixo o presidente da deputación, Manuel Baltar, «afianza a posición de Ourense como capital do cinema galego». Tamén quixo destacar a figura de Cons e a súa especial vinculación a Ourense, xa que foi a directora de Eduardo Barreiros, o Henry Ford galego e a cinta Lobos sucios, da que foi guionista e produtora, abriu o OUFF do 2015.
Segundo Anxo Lorenzo, secretario xeral de Políticas Culturais, o galardón «é o recoñecemento aos profesionais do audiovisual galego e ao papel das mulleres».
A historia e a ficción
A ficción permite revelar circunstancias que os feitos deixan na sombra. A historia constata que na madrugada do 2 de xaneiro de 1921 o buque Santa Isabel, con 260 pasaxeiros a bordo e destino Bos Aires, afundiu fronte ás costas de Sálvora. Tres mulleres da illa, María, Cipriana e Josefa, conseguiron salvar a 48 persoas, o que as converteu en heroínas... ata que alguén espallou o rumor de que roubaran aos cadáveres. As homenaxes transformáronse en sospeitas e receos.
A película de Cons (Santiago, 1976) recrea aquela traxedia pero tamén busca encher ocos. Como se sentiran aquelas mozas, ás que a traxedia deixaría como pegada un shock postraumático, só que sen diagnosticar e sen que os seus sentimentos ou vidas importasen demasiado. Esa é a perspectiva que adopta a realizadora, tamén guionista do filme, a das tres mulleres, interpretadas por Nerea Barros, Victoria Teijeiro e Ana Oca. Elas son o centro da acción, que parte do impacto que supón o naufraxio nas relacións sociais da illa. Deste xeito, a historia non queda só na traxedia, senón que é esta mesma a que desencadea unha serie de circunstancias que achegan múltiples dimensións ao filme. Por exemplo, o rol da muller ou a situación case feudal na que viven os colonos de Sálvora, con ecos que emparentan A illa das mentiras con Los santos inocentes.
Paula Cons concibiu a produción en clave de thriller, o que engade outra capa máis, inequivocamente cinematográfica, ao resultado. Na mesma noite que acontece o naufraxio suceden outros feitos graves na illa. Un xornalista arxentino, encarnado por Darío Grandinetti, desprázase a Sálvora para emprender unha investigación que irá abrindo vías.
A rodaxe desenvolveuse ademais nos mesmos escenarios nos que transcorreu a historia real na que se inspira libremente, unha experiencia complicada para o equipo -Sálvora forma parte do parque nacional Illas Atlánticas- pero que achega unha calidade diferencial notable ao traballo e a estética do filme.
Estreas e coloquios
O filme estréase en cines das grandes cidades galegas e en salas de vilas como Marín, Leiro, Cee, A Estrada e, loxicamente, tamén Ribeira. Ademais, a directora ten previsto asistir a coloquios en diversas sesións. Polo de agora, está confirmada a súa presenza hoxe en Lugo (Cinema Códex, sesión das 18 horas) e en Ferrol (Cines Dúplex, sesión das 19.30 horas), e mais mañá en Santiago (Numax, sesión das 17.40 horas).