A biblioteca do poeta da xeración dos Novísimos, que faleceu no 2022 está composta por máis de 3.600 volumes, incluíndo boa parte da súa produción, libros do século XVIII e un exemplar de Poesías escojidas asinado por Juan Ramón Jiménez
10 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Cando en 1983 a Ferradura foi sementeira dunha amizade que duraría máis aló do tempo e da morte, era imposible albiscar que o suco sentimental que se labraba naquel paseo entre dous poetas de distintas xeracións literarias sería quen de conectar dous momentos afastados por corenta anos.
Daquela, Luís González Tosar daba voltas á Alameda compostelá con Arcadio López-Casanova, filólogo, mestre, crítico e escritor existencialista que crebou, para logo reconstruíla, a voz poética dunha Galicia que lle doía. Hoxe, esa mesma Galicia da que se afastou en 1968 recibe un legado póstumo de 3.608 volumes e valor incalculable, no que se mesturan libros do século XVIII con manuscritos e mecanoscritos do autor, un exemplar de Poesías escojidas asinado polo mesmo Juan Ramón Jiménez e 160 números de publicacións periódicas, moitas delas galegas.
A Biblioteca de Galicia vén de recibir —doada pola súa viúva, María del Carmen Paramio, por intermediación de González Tosar— a biblioteca de Arcadio López-Casanova, o renovador da poesía galega, o lector empedernido dende aqueles anos do Instituto de Lugo e ao que consultaba o seu irmán, José Manuel, sobre as lecturas, e que sempre lle recomendou ler os clásicos.
Clásicos que están na colección que se creará na Cidade da Cultura e na que hai arredor de 1.250 obras de temática, autoría e lingua galega, e unha interesante escolma de poesía. O persoal técnico está nestes momentos procedendo a catalogar todas as obras dunha colección que chegou dende Valencia, onde o autor residía dende 1968.
«É unha colección moi relevante dende o punto de vista literario. Hai material moi interesante do ámbito da crítica literaria e tamén da propia poesía e ademais con moitísimos materiais, nalgúns casos dedicado ao propio Arcadio polos propios escritores e autores deses traballos», explica o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
Nunha primeira aproximación, o persoal localizou volumes do século XVIII, como os dous tomos dos que se compón El bachiller de Salamanca:& Aventuras de D. Querubin de la Ronda (1792) ou o tomo II do Compendio de historia universal de Mr. Antequil e moitos volumes dedicados ao propio Arcadio por parte dos autores. Ademais, os técnicos indican que é probable que a colección incluía parte importante da súa produción literaria.
Unha vez revisada, catalogada e, de ser o caso, restaurada, a biblioteca de López-Casanova quedará a disposición do público, fundamentalmente investigadores que traballan en temáticas relacionadas co poeta.
Poucas veces se mergullou José Manuel López-Casanova na biblioteca do seu irmán, pero agora que retornou a Galicia, de seguro irá visitala. Malia que unha das principais funcións será a de abrir e engordar vías de investigación literaria, tamén haberá un achegamento e divulgación entre o gran público da produción e da figura de Arcadio López-Casanova. O seu poemario Mesteres supón, canda a Pólvora e Magnolias de Méndez Ferrín, o nacemento da nova poesía galega, unha corrente renovadora e experimental para unha voz poética que ata ese momento estaba ancorada na poesía socialrealista.
O vindeiro 15 de xullo, a Festa da Palabra que se celebra na Insua dos Poetas divulgará unha antoloxía da produción poética en galego de López-Casanova a través dunha edición rústica e popular de quen foi unha das principais figuras da coñecida como xeración dos Novísimos.
Non será a única publicación, porque está previsto que a Xunta edite o vindeiro ano un volume que xunte toda a produción poética do escritor en lingua galega. «Arcadio, como outros poetas, ten moita obra dispersa, algunha dela, interesante, en revistas de poesía, que sempre é máis difícil de atopar e recuperar», explica Anxo Lorenzo Con esa poesía galega reunida, a Consellería de Cultura quere «facer un servizo de compilación e documentación de obra que nalgún caso é difícil acceder agora mesmo».
De feito, Hai unha importante colección de publicación periódicas, moitas delas galegas, no legado bibliográfico de Arcadio López-Casanova, que na súa etapa de estudante de Filosofía e Letras en Santiago entrou en contacto coas figuras máis relevantes do galeguismo, como Ramón Piñeiro. En 1968 marchou a Valencia para ser profesor de literatura no instituto Mariano Benlliure e posteriormente pasou a ser profesor do departamento de Filoloxía Española da Facultade de Filoloxía da Universidade de Valencia.
Malia a residir no Levante, a súa conexión con Galicia foi constante. Colaborou durante anos con La Voz de Galicia e visitaba Lugo habitualmente, no que participaba nos faladoiros de Celestino Fernández de la Vega, no bar Madrid.