O Museo de Pontevedra inaugura unha mostra sobre o escultor ourensán
14 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.«Un dos artífices da renovación da arte galega» e «un dos máximos representantes da escultura actual». Estas foron as expresión que o conselleiro de Cultura, José Carlos López Campos, non dubidou en empregar para referirse este venres a Acisclo Manzano na inauguración da mostra Acisclo en 66 obras. A exposición promovida polo Museo de Pontevedra percorre a traxectoria creativa dun dos autores máis relevantes da escultura galega posterior aos anos 60 do pasado século.
A mostra traza, a través dos materiais empregados e as temáticas tratadas, o legado de quen xa proxecta a exposición coa que conmemorará o seu 90.º aniversario. Titularase Tocar e levar, e tal e como indican estas tres palabras invitará aos asistentes a tocar as pezas e, se así queren, levalas. Porque, tal e como o propio Acisclo Manzano sinalou, o seu soño é que haxa unha escultura súa en cada casa de Galicia.
Comisariada por Beatriz de San Ildefonso, Acisclo en 66 obras percorre dende 1959 ata o 2010, unha evolución que se percibe nos materiais utilizados polo ourensán. Nos seus comezos, foi a madeira, moita dela procedente de vigas recuperadas, para logo adentrarse no barro, nun principio, galego, pero logo de Ibiza, onde o artista quedou prendido da súa luminosidade. Virían posteriormente os metais e, xa para rematar o círculo vital, un eterno retorno á madeira.
Toda unha traxectoria enmarcada por unha base figurativa que viaxa dende o expresionismo ata a abstracción, e que transcendeu as fronteiras de Galicia. «A pesar desta bagaxe por medio mundo, Galicia e a súa cultura mantéñense sempre moi presentes [...]. Non podía ser doutro xeito se temos presente que sempre estiveches vencellado a grandes nomes da nosa cultura», lembroulle López. Aludiu á relación con Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas e Eduardo Blanco Amor baixo a influencia de Vicente Risco. «Con estes referentes, e tendo unha especial predilección pola obra do Mestre Mateo, Galicia non podía estar allea nas túas esculturas». O titular de Cultura resaltou, de igual xeito, o «espírito galeguista e o compromiso social e cultural» das súas creacións que o teñen convertido «nun gran referente para as novas xeracións de artistas».
«Esta mostra permítenos explorar a riqueza do legado de Acisclo, un artista fundamental na nosa historia», remarcou, pola súa banda, Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, quen situou esta exposición no labor a longo prazo que desenvolve o museo. Neste sentido, a súa directora, Ángeles Tilve, apuntou que este proxecto supón a décima mostra que inaugura o museo este ano, «un programa amplo, completo e equilibrado de exposicións temporais» no que estivo presente «a arte galega e a internacional, os clásicos contemporáneos e as novas voces creativas, os momentos e personaxes clave da nosa historia máis ou menos recente, a nosa memoria emocional e as relacións entre o contemporáneo e o ancestral». Ten claro que Acisclo en 66 obras é o mellor colofón posible.
As pezas exhibidas proceden de museos de toda Galicia, como o Centro Galego de Arte Contemporánea, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, o Museo Provincial de Lugo, o Museo Municipal de Ourense e o Museo Municipal de Vigo Quiñones de León, pero tamén de entidades como o Parlamento de Galicia, a Compañía de Radio Televisión de Galicia, a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao ou o Centro Cultural Marcos Valcárcel. E tamén de fundacións, caso da de Xaime Quessada Blanco e a do Araguaney, así como de diversas galerías de arte e coleccións particulares.