
O novo traballo deste realizador céntrase no «antecedente fundamental para que Galiza sexa recoñecida como nacionalidade histórica»
20 feb 2025 . Actualizado a las 15:25 h.O coñecemento da historia de Galicia e a experiencia profesional de anteriores proxectos audiovisuais centrados na figura de Castelao terminaron frutificando en Consello de Galiza, o Goberno galego no exilio, o documental dirixido por Xan Leira (Bos Aires, 1955) que se estreará o martes no Museo de Pontevedra. «Dentro da historia de Castelao, da historia de Galicia e da loita contra o franquismo, creouse o Consello de Galiza en 1944. O 15 de novembro celébrase unha xuntanza en Montevideo para dar luz a este proxecto de Goberno galego no exilio como fundamento principal para a rexeneración do Goberno republicano no exilio» nun escenario internacional, o da Segunda Guerra Mundial, «onde se especulaba co triunfo das forzas aliadas e co triunfo das forzas políticas republicanas no exilio despois do final da guerra. Entendían que o final da guerra, nesas condicións e conxunturas, ía a significar a automática destitución do réxime franquista», contextualiza o propio Xan Leira.
—Finalmente, non ocorreu así. Que supuxo isto?
—Evidentemente, iso supuxo un golpe, no só para o Consello de Galiza e para Castelao, senón para todas as forzas republicanas no exilio. Tiveron que reacomodar as súas tácticas e estratexias de rexeitamento. A morte de Castelao no ano 50 é outro golpe máis para esta entidade e, polo tanto, digamos que, máis alá de manter a chama acesa do pensamento e obra de Alfonso Castelao, é unha entidade que vai, pouco a pouco, esmorecendo no transcurso dos anos. É importante, e iso quero deixalo ben sinalado, entender que é un compromiso dos herdeiros de Castelao neste proxecto, que son os deputados galegos cos que creou o Consello, manter na dinámica política o nome de Galiza en primeiro plano das distintas vicisitudes políticas que se desenvolveron en España e en Galiza dende que morre Castelao hasta a morte do ditador, a entrada nese proceso de transición democrática e a propia creación da Xunta de Galiza, que son elementos que van parellos aos obxectivos fundacionais do Consello de Galiza. É un antecedente fundamental no plano constitucional para que Galiza sexa recoñecida como nacionalidade histórica, como Euskadi ou Cataluña.
—Ao longo da realización deste documental, que foi o que máis lle sorprendeu?
—Teño que ser franco. Todo isto coñecíao moito e, polo tanto, nada me chamou a atención por si mesmo. En todo caso, si que me chamou a atención a actitude persoal e íntima destas persoas que participaron na creación do Consello e logo nos distintos grupos que apoiaron a iniciativa nos países de América Latina e en Europa. Castelo non crea o Partido Galeguista no exilio, senón que crea a Irmandade Galega como un movemento político que quería ser máis amplo cá construción dun partido político como era o Partido Galeguista.
—E o máis complexo?
—Non sei. Cústame ver complexidades no meu traballo de todos os días porque vivo entre as complexidades. O máis complexo destes temas, sinceramente, é tratar de divulgar algo que é absolutamente descoñecido. Este é o reto que eu teño sempre cos meus traballos. Traballo para recuperar a memoria histórica de Galiza e, como tal, carece de fontes documentais como para facer traballos formalmente atractivos para as novas xeracións. Sempre estás tratando con materiais antigos que non sempre están en boas condicións.