O Galo de Curral volve traer concertos e degustacións a Vila de Cruces

andrea otero / r. g. LALÍN/ LA VOZ

VILA DE CRUCES

miguel souto

Tralo parón do ano pasado o festexo retomarase os días 4 e 5 de setembro

19 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Vila de Cruces volve acoller este ano a súa festa gastronómica por excelencia despois do parón de 2020 polo covid, a do Galo de Curral. Esta vixésimo sétima edición celebrarase os días 4 e 5 de setembro e, ademais da parte gastronómica, contará con varios espectáculos musicais. Julio López, concelleiro de Cultura de Vila de Cruces, destaca a importancia desta celebración para a economía local, tanto para a hostalería e o comercio como para os criadores de galos da zona.

Os asistentes poderán gozar cos actos programados para a ocasión e degustar o prato estrela, o galo de curral, criado de xeito tradicional e preparado en diversas receitas, aínda que este apartado está aínda por definir. Dende a organización pretenden «manter a esencia doutros anos a pesar dos cambios polo covid», afirma Julio López. Para garantir a saúde dos asistentes, dende o Concello decidiron aprazar a celebración de maio a setembro, xa que o índice de vacinación é máis elevado.

A programación do festexo acolle actuacións escénicas e musicais. A xornada do sábado acollerá un espectáculo ás 21.30 horas da Banda Unión Musical de Ponte Ledesma. A agrupación encargarase da mítica homenaxe a Balbino, coñecido por ser un rapaz da aldea ou un ninguén e protagonista da novela de Xosé Neira Vilas, Memorias dun neno labrego, que este ano celebra os 60 anos dende a súa publicación. Para a homenaxe, uns convidados especiais acompañarán o pasodobre coa interpretación da parte teatral.

A xornada do domingo será a grande da celebración e estará chea de música. Pola mañá haberá un pasarrúas a partir das 11.00. Estará protagonizado polos grupos folclóricos O Arco de Merza e Vai-Nela de Salgueiros. Ás 12.00 dará comezo a actuación dos vigueses Broken Peach, un grupo que fusiona música e espectáculo. A súa música vai dende o soul ata o rock, pasando polo gospel, funk ou pop.

Ás 13.00 será a hora do pregón. Estará para ofrecelo o actor galego Pepo Suevos, coñecido por multitude de longametraxes e varios papeis nas series e programas máis coñecidos da TVG. Ao remate do pregón, actuará Lys Pardo para ofrecer unha homenaxe a Juan Pardo, cantautor e compositor galego de orixe mallorquina que foi membro de Los Pekenikes e Los Brincos. A tarde do domingo estará protagonizada polas bandas. Celebrarase a partir das 17.00 o XXVII Festival de Bandas de Galicia contando coa participación da Municipal de Campo Lameiro, a Municipal de Padrón e a Artística de Merza. Tamén se inclúe na programación da festa gastronómica unha exposición de animais vivos.

Para asegurar a saúde dos asistentes a organización do evento tomará as medidas necesarias. Entre elas estarán a distancia de seguridade, o uso obrigatorio de máscara e a distribución de xel hidroalcólico. Tamén haberá un aforo controlado, pero non será necesaria a reserva, xa que as persoas poderán entrar por orde de chegada ata completalo. Dende o Concello aproximan que o aforo será de entre 300 e 400 persoas, mantendo sempre a distancia de seguridade.