Casa Pardal, a taberna familiar e social de Merza

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

VILA DE CRUCES

miguel souto

Aberta no ano 1944, atendeu a varias xeracións, e nela fixéronse ata os carnés de identidade

20 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Poucas tabernas nos quedan no noso rural que leven oitenta anos abertas de xeito ininterrompido; Casa Pardal, en Merza (Vila de Cruces), é unha das excepcións. Angelines López Paz, Angelines de Pardal para clientes e veciños, fala con emoción do negocio que levantaron seus pais, nos que ela se criou e no que continúa malia que xa podía gozar plenamente da xubilación; «pero é que aquí son inmensamente feliz, e teño unha clientela marabillosa que non podo deixar», exclama.

Para fixar os inicios dunha das tabernas máis familiares da contorna hai que remontarse ao ano 1943 cando os pais de Angelines; Manuel, natural de Merza, e Aurelia nacida na veciña localidade silledense de Moalde, casaron e decidiron abrir unha taberna de seu. Corría o ano 1944 cando a inauguraron, e dende entón mantense no mesmo emprazamento e suxeita a poucos cambios. «Fai uns corenta anos reformouse un chisco, pero pouca cousa. Está no mesmo sitio e garda a estrutura que lle imprimiron meus pais», lembra Angelines. Unha taberna que sempre funcionou tamén como ultramarinos, algo moi habitual no século pasado en que abundaban este tipo de negocios, con alomenos un por parroquia, pero que foron esmorecendo co paso dos anos. «Nós sempre conservamos as dúas cousas: a taberna e o ultramarinos, e mesmo hoxe con tantos supermercados que hai, segue funcionando», avanza.

O que preocupa a Angelines é a despoboación do rural que ve como os maiores se quedan sós e se van pechando casas. E aí está o labor das tendas das aldeas que prestan, di, un gran labor social; «pensa que cada vez hai menos xente nas aldeas, non hai con quen falar, botar un conto ou unha partida pero aquí poden facelo, e a xente está encantada de poder reunirse na taberna. Somos como un centro social, ao igual que o son seguramente todas as tabernas que funcionan polo país». O ton vólveselle alegre cando fala da Banda de Merza, dos músicos e dos ensaios. As razóns son moitas: seu pai foi músico da formación fundada en 1828, a máis veterana de Galicia, e son moitos os mozos músicos que se achegan a Casa Pardal. «Meu pai tocaba o bombardino na Banda de Merza e xa daquela o local de ensaio estaba enfronte da taberna e sempre viñan os músicos a tomar algo. Pasaron moitos anos, e os músicos que están hoxe na banda seguen facendo o mesmo», conta unha emocionada Angelines.

De xubilarse, a pesar de estar a piques de cumprir os 71 anos, nada quere escoitar Angelines. «Bueno estou parcialmente xubilada, pero non quero deixar isto. Síntome ben e feliz co que fago. Teño unha clientela marabillosa, entón pouco máis podo pedir», argumenta cun amplo sorriso. Clientes que son familia, e cos que non dubida en botar tamén unha partida de cartas «se falta un punto». Angelines que asegura, «nacín servindo cuncas de viño polas mesas», lembra cando no seu establecemento se facían os documentos nacionais de identidade. «Éranche outros tempos, e as tabernas empregábanse para outras moitas cuestións», avanza. Anos en que gardas civís da Comandancia de Pontevedra se desprazaban ata Merza para facerlle o DNI aos veciños da zona; «colocaban unha saba fóra da taberna, a poñían contra a parede e facían as fotos para os carnés». Non era esta a única particularidade de uso das instalacións da taberna cruceña na que tamén se lle pagaba aos maiores. «Viñan os da Sindical de Cruces a pagarlle aos vellos da aldea. Cobraban naqueles anos 250 pesetas, e había moita xente que nunca fora á escola, e non sabía ler nin escribir e lle poñían a pegada. Acórdome moito daquelo, e tamén de que viñan a vacinar aquí aos cans. A taberna servía para case todo», conta con humor.

Angelines López transmite un profundo amor ao rural, un especial agarimo á súa clientela, e érguese en defensora dos servizos de proximidade en todas as aldeas. «Quedas sen un litro de aceite ou de leite un domingo pola tarde, e que fas?», pregunta. A súa resposta non se fai esperar. «Buscas o ultramarinos que teñas más cerca da casa. Somos os únicos que prestamos ese servizo un domingo ou mesmo un festivo». Pero Casa Pardal non pecha nunca?, indagamos. Pois en moi contadas ocasións. Unha semana de vacacións, de cando en vez, para coller folgos e cambiar de aires. O que non espere o cliente é estar na taberna ata altas horas da madrugada. «Todo o mundo sabe que ás dez e media da noite pecho a porta. A clientela xa está atendida, as partidas xa están botadas e hai que pensar en recoller e deixar todo listo para abrir ao día seguinte», explica cun gran sorriso Angelines. E non deixa de recalcar ao longo da conversa que a súa clientela é a mellor, e que así quede reflectido nesta páxina.

Pois aí queda o desexo de Angelines López Paz, Angelines de Pardal. De Merza.