Docentes apuntan as vantaxes de combinar o presencial co traballo virtual
17 dic 2020 . Actualizado a las 21:33 h.«O modelo E-Dixgal é a solución», di Eva López Tarrío, directora do IES Valadares, en Vigo, e participante no Foro do Ensino Dixital que organizou esta semana La Voz de Galicia. Ela estivo este xoves nun encontro telemático con María Jesús Casado, profesora de Matemáticas e coordinadora TIC do IES Francisco Daviña Rey, en Monforte. Ambas forman parte do Comité Educativo de Galicia, o organismo creado neste outono polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para analizar os pasos necesarios para superar, e mesmo aproveitar, o covid na escola.
Eva López explicou que E-Dixgal permite aos rapaces ter un portátil por persoa, co que traballar na casa, tanto se ten servizo de Internet como se non. Pero ademais estar no universo E-Dixgal supón unha inxección de recursos TIC para o centro: ordenadores para todos os alumnos e os profesores, encerados dixitais e canóns para proxeccións en todas as aulas, mellora xeral das conexións do centro, e axuda as 24 horas os 7 días da semana ás familias para atallar calquera problema co servizo ou cos portátiles. Tamén supón un cambio importante á hora de traballar na clase, porque é máis doado utilizar recursos audiovisuais, xogos e traballos cooperativos.
María Jesús Casado salientou precisamente a cobertura do servizo de apoio: «Los profesores no tenemos que solucionar los problemas de los alumnos con los ordenadores», unha tarefa para a que non están preparados.
As dúas expertas coincidiron en sinalar que a pandemia trouxo para quedar a educación virtual. Non como alternativa á presencial, que é insubstituíble, senón como complemento. E iso suporá —isto xa o comentaron como petición— que a persoa que coordina as TIC no centro educativo forme parte do equipo directivo. Non é unha cuestión menor, porque non se pode deseñar un proxecto de centro cunha docencia mixta, con presenza da tecnoloxía en cada clase, e non ter ao seu coordinador no equipo que fai o deseño e coas horas libres para poder facelo.
Porque se outra cousa demostrou a pandemia, aclarou López Tarrío, é a importancia da coordinación: «Sobre todo nos institutos» porque cada profesor parece que traballa dun xeito independente do resto, e no confinamento foi necesaria moita coordinación «para as conexións e as videoconferencias, para organizar os deberes». No IES Valadares optaron moito polos proxectos: «Un dos primeiros foi facer unha máscara» e nel traballaron profesores de Lingua, Inglés, Debuxo, Matemáticas... Pero dun xeito tal que os rapaces aprendían os contidos, as competencias necesarias de cada materia sen duplicar o traballo na casa.
Casado tamén salienta a necesidade de coordinación, e recorda que no seu papel TIC ela comprobou que todo o traballo feito no centro resultou moi positivo: «Teníamos a todos los alumnos en el sistema [para acceder á aula virtual houbo que darlles de alta] y de los de primero y segundo de ESO, que tienen E-Dixgal, ni me preocupé».
Unha mesma aula virtual para toda Galicia
De cara ao futuro, Casado propón «un aula virtual para todos los colegios e institutos», como ocorre co programa administrativo (Xade) que ten as notas e as incidencias dos estudantes de toda Galicia. Se houbera unha soa aula virtual o cambio de centro dos rapaces sería moi doado no aspecto educativo, e habería un mesmo protocolo de traballo. Esta aula virtual debería ter acceso a todas as ferramentas que necesita un profesor para dar unha clase.
López Tarrío, pola súa banda, tamén cre que xunto coa tecnoloxía ten que chegar unha nova metodoloxía de traballo, onde prime a participación dos rapaces e a súa aprendizaxe activa.
«Temos que acostumarmos a escoitar aos alumnos para deseñar os plans de mellora dos centros cada ano»
No foro do ensino dixital non faltou a referencia ao apoio emocional dos profesores para cos alumnos. Nese sentido, Eva López Tarrío destacou o vivido durante a pandemia: «Unha das cousas que vimos é a importancia fundamental do centro na vida dalgúns alumnos. Eramos o único que tiñan, a súa táboa de salvación». Tanto la directora del IES Valadares como la coordinadora TIC del IES Daviña Rey, recalcan o papel dos concellos e dos servizos sociais nesta pandemia, de acordo cos centros educativos, unha vertente asistencial que sempre está presente na educación, pero que este ano foi moito máis aló.
López Tarrío recoñécese preocupada polo costo emocional da pandemia, para os alumnos e os profesores tamén. Por iso o centro apuntouse ao contrato programa EduEmociona, unha nova proposta da Consellería de Educación, que ten 225 centros públicos inscritos neste primeiro ano; cos cartos que lles corresponden organizarán actividades para facilitar a comunicación e xestión das emocións da comunidade educativa.
Alumnos con necesidades
E foi pensando nesa parte persoal que Tarrío fixo fincapé na atención dos alumnos con necesidades educativas especiais (NEE) no seu centro. O equipo directivo arranxou o final de curso con moito esforzo —os profesores atendían aos rapaces con NEE con videoconferencias individuais polas tardes— e decidiu cambiar as cousas para este curso. «No plan de mellora que facemos todos os anos —lembrou a directora do instituto— incorporamos neste a visión dos alumnos con necesidades, especialmente os TEA [que engloba diferentes condicións do espectro autista] como o aumento da información visual nas clases virtuais», recuperando os pictogramas que tan bo resultado dan na primaria.
Para Eva López esa é unha das cousas que teñen que mudar no futuro grazas á pandemia: «Temos que acostumarmos a escoitar aos alumnos para deseñar os plans de mellora dos centros cada ano», e contar tamén coas familias. Tanto López como Casado comentaron precisamente que é necesario colaborar entre os profesores pero tamén con quen está na casa, apoiando aos rapaces, animándoos a seguir traballando.
Con ese apoio en ambas direccións e unhas clases adaptadas —máis curtas, con máis interacción por parte dos estudantes e moito traballo práctico— Tarrío cre que a educación galega pode superar esta pandemia sen un costo demasiado alto.