Noelia Blanco enche Cedeira de fotos de mulleres do mar: «O traballo das mariscadoras e redeiras é moi duro»

ANA F. CUBA CEDEIRA / LA VOZ

CEDEIRA

Expón en medio cento de tendas e bares do municipio, o museo Mares de Cedeira e o seu estudo de fotografía, Akelarre, ata o 31 de marzo

12 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O 8M motiva e inspira a Noelia Blanco López (Cedeira, 26 anos), que o ano pasado retratou a 135 veciñas, no proxecto Mulleres da Vila, e este ano documentou o traballo das mulleres do mar. De aí saíu Mar de Mulleres, a exposición que montou, repartida por medio cento de bares e tendas do municipio, o museo Mares de Cedeira e o seu local. Formouse en fotografía e deseño gráfico (agora está cursando os ciclos de igualdade de xénero e integración social, a distancia, no IES Leixa) e hai dous anos que abriu o seu propio estudo de fotografía Akelarre, na avenida da Area.

«Colaboro no punto lila do Concello e aí animáronme [...]. Temos un grupo de WhatsApp dos comerciantes, mandei unha mensaxe contándolles a idea, coa que pretendo dar visibilidade a todas as mulleres que traballan no ámbito do mar, e apuntáronse moitos», conta. Destaca a axuda de «Sandra, de Molduarte», na montaxe das fotos e no reparto polos negocios.

Pero o mellor «foi a experiencia» vivida coas mulleres. «Metinme no mar coas mariscadoras, en Vilarrube, e vin o durísimo que é o seu traballo, un día que chovía moitísimo», relata. «Na lonxa estiven con dúas rapazas que traballan con Isma, vin como baixaban o peixe, como o limpaban e o metían na cámara; e coas redeiras paseino bárbaro, dá gusto velas cosendo, tan contentas, flipei coa velocidade coa que o fan, nin teñen que mirar... Tratáronme todas moi ben», agradece. A autora agasallou aos locais coas fotos, que estarán expostas ata o 31 de marzo, e a partir de aí ata cando queira cada un.

Os negocios nos que se poden ver as imaxes, en branco e negro, son: Tintorería A Ponte, Bar A Ponte, Bar Marieta, Peluquería Radis, Peluquería Pequeñita, Asociación Cedeira en Pé, Carnicería Eulogio, Mercería Esther, Tienda de Estrella, Bar Pinzón, Bar Jojo, Bar Garzález, Molduarte, Parafarmacia Reale Seguros, Autoescuela Xecas, Sueños, O Peirao, O Mastil, PRL, La tienda del Crsito, Muebles Garcia, Parque Infantil Huellas, Acento Galego, Decobaño, Jojó, Tienda de Cruz, Algaia, Arena y Chocolate, Espidos, Clinica Descalzos, Xarmolo Vello, Peluqueria Arriví, Gomita, Postres con Mimo, O Amanexo, O Mesón, M de Mares, O Puntal y Asesoria Belén.

No estudo Akelarre, aparte de fotos, Noelia fai traballos de deseño gráfico e web, deseño de logotipos e produto personalizado (impresión textil e en madeira, ultravioleta, etcétera). Dispón, ademais, de servizo de fotocopiadora, con moita demanda. Esta emprendedora destaca «a importancia das redes sociais como canal para dar a coñecer o seu traballo e conseguir clientes. Vivir só da vila é complicado, sobre todo os primeiros meses do ano, iso que moita xente traballa comigo...  Pero noto moito o verán, porque vén moita xente de fóra (que aproveita para facer aquí traballos que lle saen máis baratos) e tamén pola de aquí».