O Museo do Humor de Fene levará o nome de Xaquín Marín

FENE

Ramón Loureiro

O pleno da corporación fenesa abordará este xoves o cambio de denominación, rendéndolle así tributo a unha figura central da cultura galega

03 ago 2022 . Actualizado a las 20:24 h.

O Museo do Humor de Fene, unha das poucas institucións do mundo nas que se lle rende tributo á arte de facerlle fronte, cun sorriso, á realidade, levará o nome de Xaquín Marín. O pleno da corporación fenesa, a proposta do goberno municipal —que lidera o nacionalista Juventino Trigo—, abordará este xoves o cambio de denominación do museo, como homenaxe a un creador, debuxante de La Voz, que desde hai máis de medio século é unha figura central da cultura galega.

«Poucas persoas hai en Fene, de nacemento ou adopción, que conciten tanto afecto xeral como Xaquín Marín Formoso —sinalan desde o Concello fenés—. E motivos sobran: creador polifacético, dinamizador cultural, reivindicador e un dos máximos expoñentes do humorismo retranqueiro galego posto ao servizo da crítica social...».

Xaquín Marín naceu en Ferrol, pero cando el tiña moi poucos meses a súa familia xa se trasladou a Fene, onde o seu pai, persoa tamén moi querida, exerceu a profesión de mestre. A uns metros de onde aquel mestre, don Emilio, tiña a súa escola, está hoxe o Museo do Humor.