Salvador García-Bodaño, un home de acción e de emoción

FUGAS

Pinto&Chinto

Partiu o poeta dos silencios longos. Deixa unha voz íntima, pesimista por veces, sempre namorada de Galicia

10 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Dóenme xa os ollos e as mans / de tantos adeuses...», escribía Salvador García-Bodaño en 1967, nun dos poemas incluídos no seu primeiro libro, Ao pé de cada hora. Esa dor é a que sentimos o martes cando soubemos da súa partida, que se une á de xa tantos compañeiros de xeración. Aqueles poemas de xuventude foran seleccionados e ordenados por Carlos Casares e Xavier Carro, amigos íntimos do poeta, despois de convencelo para que os publicase, pois pasaban os anos e Bodaño corrixíaos unha e outra vez sen animarse a entregalos. O poemario veu a luz na Colección Salnés, que botara a andar Francisco Fernández del Riego. Aquela voz íntima, reivindicativa, pesimista por veces, namorada outras, mostraba xa a súa grandeza e forza, tamén o seu compromiso inquebrantable con «Galicia», nome do poema inicial, que foi cantado como himno por aquela xeración que soñaba e loitaba pola democracia, sentindo que «todo está por vir e non chega».

Comezara a escribir cando tiña vinte e dous anos, naquel tempo era lector de Pedro Salinas e da Xeración do 27. Á súa casa, na rúa da Caldeiraría, achegábanse Arcadio López-Casanova, Xavier Carro, Carlos Casares e, de maneira esporádica, Bernardino Graña, Alexandre Cribeiro ou Xosé Luís Rodríguez Pardo. Alí falaban de literatura e de política, abertamente, sen medo. Tamén asistían aos faladoiros do Café Español e Bodaño xa comezara a colaborar nas páxinas do xornal compostelán La Noche. Naquela cidade coñeceu a dúas figuras que o formaron intelectualmente, como sempre recoñecía, Carlos Maside e Ramón Piñeiro. O primeiro espertou o seu interese polas artes plásticas e tamén a súa sensibilidade polas causas sociais; o segundo vencellouno coa tradición galeguista, a conciencia de Europa e un proxecto político para Galicia, no que non sempre estiveron de acordo, pero que fraternal respectaron. Ao redor da mesa de braseiro «recibín as ensinanzas cardinais da miña vida. Foi o gran pensador activo de Galicia. Recordo as súas mans modelando no ar o pensamento». Foi Piñeiro quen o animou a publicar, pois para entón xa era un destacado poeta que gañara varias edicións das Festas Minervais.

Sempre esixente coa súa escrita, os silencios entre as súas obras eran longos, pois recoñecía que nunca lle obsesionou publicar, pero si escribir, unha necesidade do home tímido, introvertido e cheo de curiosidade, de ideas, de reivindicacións. «Berraremos en todas as linguas/os dereitos á nosa liberdade/con palabras que mesmo afiaremos/para usarmos por lanzas», escribiu en Tempo de Compostela (1978). A súa poesía sempre foi unha arma poderosa coa que romper un silencio cheo de medos, para deixar saír o pesimismo daquel tempo en que «Nada se agardaba/detrás dos vidros da choiva». Compostela foi mudando, e así se reflicte nos seus versos, ata a Cidade virtual (2003), un poemario novidoso no estético e no formal. Santiago tamén presente nos fantásticos relatos recollidos n’Os misterios de Monsieur D’Allier (Editorial Galaxia, 1992), onde se fixa nos taberneiros, nos amantes nocturnos, nos espectros, nos personaxes sen nome da cidade que cativan ao peregrino Monsieur D’Allier, mentres se hospeda nunha pousada da rúa da Algalia.

O seu activismo levouno a fundar a Asociación Cultural O Galo en 1961, a formar parte do Consello da Mocedade e do núcleo promotor do Partido Socialista Galego en 1963. Cofundador da Asociación de Escritores en Lingua Galega, presidente do Ateneo de Santiago ou patrón-fundador do Museo do Pobo Galego, entre outras institucións. Bodaño era un home de acción e de emoción, boa mostra son os versos de amor que atopamos na súa obra e, moi especialmente, nos Poemas a Xulia (1993), xa na madurez creadora.

«Ollaremos a morte/como algo que nos é conxénito/e cantaremos himnos desesperados». Ademais, se tivésemos a súa mestría, escribiriamos un pranto como os que el dedicou os mestres do galeguismo; falaría das escaleiras de Bonaval no solpor, tería a beleza dos seus versos e escoitaríase alí «onde ti xa es eternidade».