Shozo Nakanishi, tradutor de Rosalía, Lorca e Luz Pozo: «Ao embaixador xaponés en Madrid díxenlle: «Como que non coñeces a Rosalía? Tes que ir a Padrón» 

FUGAS

Shozo presentou «Concerto de outono» en xaponés na Coruña.
Shozo presentou «Concerto de outono» en xaponés na Coruña. Marcos Miguez

«O xaponés de Hiroshima ten un acento propio, como o galego», asegura o autor que leva a nosa lírica ao país do sol nacente. Este poeta que foi banqueiro visita estes días Galicia para presentar a edición xaponesa de «Concerto de outono», pura mística do amor ante a morte 

30 jun 2024 . Actualizado a las 14:09 h.

Pódese querer dúas mulleres á vez e non estar tolo, ou ben ir temperando a loucura desa paixón dobre no tempo. Se esas mulleres son poetas galegas e estamos a falar do banqueiro con alma literaria que as traduciu ao xaponés, como tamén a Lorca e a Machado, podemos dar a sentenza da canción por certa. Pero habería que baixar a voz e botarse enriba da alma o chal de plumas do lirismo de Rosalía de Castro e de Luz Pozo Garza para acertar coa metáfora. «O meu corazón non pode escoller entre Rosalía e Luz», afirma o tradutor das dúas poetas ao xaponés, Shozo Nakanishi. É o pseudónimo de Masao Kuwabara (téndeme unha tarxeta) que antes que poeta era banqueiro. Daquela etapa de papel moeda conserva aínda, revela, 20 billetes co rostro de Rosalía. Pesetas! Hai algo no encontro con Shozo, que se hospeda nun hotel dos Catro Camiños da Coruña, que leva aló, ás pesetas con cultura no xeito. E aos Sinais de xiz nos muros que se deixaban en Compostela Luz Pozo e Eduardo Moreiras cando era un segredo entreaberto nos libros o seu amor, que deixaba un rastro de xiz nas pedras de Santiago. De aí veñen os ensaios das primeiras notas de Concerto de outono, que traduciu ao xaponés Shozo.

Ata o 1 de xullo andará por Galicia este xaponés que vive a cabalo entre Tokio e Hiroshima, onde ten a casa familiar, entre a montaña e «a mar», en feminino. Os de Hiroshima «teñen acento, como os galegos», advirte quen tamén revela que «o que se vende en Galicia, e en toda Europa, como sushi non é sushi, mais China quere vendelo como tal».

Shozo vén de presentar no Circo de Artesáns da Coruña a tradución do Concerto de amor fronte a morte publicado en 1981 pola amiga Luz, a poeta que refulxía como as laranxas e sorría como os delfíns. O tradutor dáme un exemplar. E nel vexo unha chuvia de ideogramas como un desafío vertical para unha ollada occidental. Hai que ler dende atrás cara adiante, «e os poemas en cortina», indícame con axuda da filóloga e ensaísta Olivia Rodríguez González, que fai de ponte nesta conversa.

Shozo asegura que Luz mira para nós, que a sente «viva». E sorrí, como faría a poeta de Códice Calixtino. Hai xa máis de 45 anos que Nakanishi visitou España por vez primeira. Desta volta a Galicia, á que volverá mediado xullo tras unha viaxe a Portugal, veu para presentar a tradución do Concerto de Luz Pozo e mais para avanzar no seu traballo de verter ao xaponés La flor, de Rosalía. Con este poemario en castelán, o nipón terá traducido toda a obra lírica da escritora.

­—Cal foi o seu primeiro contacto con Galicia, co galego e coa nosa literatura?

—Visitei España por primeira vez en outubro de 1977, dende a oficina do Banco de Mitsui en Bruxelas. A finais de 1984 cheguei á sucursal madrileña do Banco de Mitsui. E en 1985 descubrín moita información sobre Rosalía de Castro a través da televisión e os xornais polo centenario da súa morte. Sentín a paixón do seu lirismo. E visitei Padrón por primeira vez...

—Quen lle aprendeu a ler en galego?

—Visitei ao profesor Fernández del Riego en Vigo, no ano 86. Deume un dicionario galego moi grande.

Rosalía foi «un namoro», segundo contou vostede nunha entrevista e tal como recordou nun dos seus artigos deste xornal Xesús Alonso Montero.

Comecei co estudo de Rosalía de Castro a partir dos xornais que fun lendo desde xullo de 1985 da man dos estudos de Xesús Alonso Montero e Fernández del Riego. Lin todos os libros do profesor Montero!

Que lle cativou máis do noso idioma?

—O galego é, como o portugués, unha lingua que ten unha resonancia. Neste punto o galego é como o xaponés, no poema, no canto; é todo corazón.

Recorda como coñeceu a Luz?

—Foi nun encontro sobre a figura de Rosalía, precisamente. O 3 de maio do ano 2000, vina na casa de Rosalía en Padrón. Acudimos xuntos á Universidade de Santiago, ás xornadas sobre Rosalía. Os membros da conferencia fomos Montero, Margarita Ledo, Luz Pozo Garza e mais eu.

Que recorda dela? Que lle pareceu naquel primeiro encontro?

—Vin unha muller moi simpática. E moi alta! Pianista, pintora. Unha señorita púxome en contexto, díxome: «Luz é unha supermuller en Galicia». E tivemos esa conferencia en galego na Universidade de Santiago.

Entende ben o galego? Cústalle?

—Un 70 % si, o outro 30 aínda falta! Con Luz comezaba a conversa en castelán e aí pola metade, sen aviso, ela pasaba a falar galego! Falabamos en castelán e en galego, pero ela é moito mellor en galego.

No 2000, verteu ao xaponés «Cantares gallegos», «A mi madre» no 2006 e «Follas novas» no 2022. No 2016 traduciu á súa lingua «Vida secreta de Rosalía», de Luz Pozo. Que lle levou a aplicarse agora coa obra «Concerto de outono»?

«Quería ler dentro do seu corazón, saber por que Luz
elixiu como novo amante a Eduardo»

—Quería ler dentro do seu corazón, coñecer por que Luz elixiu como novo amante a Eduardo [Moreiras].

Ler dentro do seu corazón? Que sentiu ao ler eses poemas do «Concerto»?

—Ese tema era moi para ela, para gardar, era secreto. Pero eu quería ler no seu corazón. Publicou Concerto no 81, despois de casar con Eduardo.

Hai unha frase de Luz que a min me acompaña sempre: «Non esquezas que o paraíso está na terra».

—É moi difícil para min, para os homes, para dicir algo ao respecto. Esa é unha pregunta difícil para min. É un tema filosófico profundo. Non podo contestar.

—Como foi o proceso da tradución de «Concerto de outono, o maior desafío?

—Palabras de poetisa, palabras de música, palabras de pintora... Todos os poemas entrañan un labor difícil porque son brillantes e moi sagrados. A vida e a morte... Esta é a universidade de Luz.

—A Luz chegou dende «Vida secreta de Rosalía». Ve semellanzas entre as dúas?

—Luz é parecida a Rosalía no seu lirismo. O meu corazón non pode decidir entre Luz e Rosalía... É imposible.

—Agora prepara vostede a edición en xaponés de «La flor» e a obra poética completa de Rosalía. Que pode contar?

—Olivia [Rodríguez] e mais eu estamos decidindo o título. Só me queda por traducir La flor. É unha poesía difícil para min... «La rosa del Campo Santo» remata.

—Rosalía de Castro vende en Xapón?

—A poesía como a entendedes aquí (como libro longo de poemas) leva só cen anos cultivándose en Xapón. O anterior no tempo son poemas moi breves: haikus, tankas. Esa é a tradición milenaria do poema en Xapón. [«Luz e Rosalía deben de ser a vangarda da lírica occidental alá», achega Olivia Rodríguez]. Comezamos na poesía moderna cos franceses. De España só se coñece Federico (Lorca). Nas librarías de Xapón os franceses adoian estar arriba nos andeis. E os españois... (fai un xesto cara abaixo coa man)

—Lorca ten «Seis poemas galegos».

—Coñezo, coñezo. Traducín a Lorca ao xaponés e tamén poemas soltos de Machado. Lorca morreu moi novo, esta historia é moi emotiva para a xente de Xapón.

—Hai unha poética irmá, un ton parecido, trazos comúns entre Galicia e Xapón?

—Galicia e Xapón teñen o mesmo clima, a chuvia, a pegada do mar...

—E entre o galego e o xaponés e as súas literaturas? Hai semellanza tamén?

—O do galego e o xaponés é un tema moi diferente. Teño que estudar máis. Pero o galego e o xaponés teñen un corazón semellante, o clima, como digo, tamén (aquí non hai tifóns!, matiza). E o galego é moi galego, e o xaponés moi xaponés. Non sei se unha parella de galega e xaponés pode funcionar...

—Como é iso de ser banqueiro e ter alma de poeta? Poden conciliarse moedas e versos?

—Elixín ser banqueiro cando deixei a Universidade. Pero eu son poeta dende que nacín. Non hai relación entre un banqueiro e un poeta... Pero de cando fun banqueiro conservo polo menos vinte billetes (do tempo das pesetas) de Rosalía de Castro.

—Adoitan sorprenderse ao saber que traduce a poetas como Rosalía e Luz Pozo?

—O embaixador xaponés en Madrid non coñecía a Rosalía. Díxenlle: «Como que non coñeces a Rosalía? Non pode ser! Hai que ir a Padrón». En Tokio falei co embaixador de España para que participase cunhas palabras no prólogo de Concerto de outono. Cando llo propuxen dixo: «Rosalía é galega!». E punto, nada máis! [risos]. Se morro, quen vai seguir dando a coñecer a Rosalía e a Luz Pozo? Hai que traballar cos embaixadores tamén...