Libros para un verán miudiño

FUGAS

GONZALO BARRAL

Agora si, os nenos abren os títulos que desexan ler. Obras como a nova aventura da autora de «Mortiña» ou álbums refrescantes, cheos de mar e moito humor

20 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun xullo de temperaturas cativas, algo que si crece de novo no verán é a oferta literaria para mergullarse, sexa ao aire libre ou a cuberto, nun título infantil en galego. Un auxe continuo reforzado nos últimos anos pola aposta de moitas editoriais de fóra da comunidade por traducir á nosa lingua varios dos seus éxitos. Un vampiro perigozo (NubeOcho), ese celebrado álbum sobre un vampiro pequeniño e que cecea, e que en vez de asustar, provoca sorrisos, serve de exemplo. Tamén con amplo tirón nas librarías 

Tanto nesa historia como en máis títulos en auxe, como Uxía e o mar (Xerais), ponse en valor a amizade, coa súa maxia. Outra corrente que tamén se afianza neste verán é a recuperación dos sabedeiros contos de tradición oral. O álbum Avoa, neto e burro (Triqueta Verde), mesmo é a primeira entrega dunha colección propia.

Para lectores máis avanzados crecen as apostas de autores consagrados. Xunto a Blanca Millán, que volve atraer cunha obra divulgativa de gran formato, O gran libro dos nosos mares (Cumio), escritores como Diego Ameixeiras ou Érica Esmorís enganchan con aventuras cheas de misterio e doses de humor. Para gozar no verán.

Doce recomendacións

«CINCO RATIÑOS» 

Autora: MARÍA GIRÓN

Relato rítmico e divertido sobre cinco ratos que saen do seu tobo en busca de comida mentres o perigo axexa. Un álbum actual, que conta co sabor dos contos tradicionais e no que triunfa a audacia e o pequeno fronte ao grande.

Editorial: Kalandraka / Prezo: 14 euros / Idade: A partir de 3

«UXÍA E O MAR»

Autora: Paula Merlán 

A autora logra a complicidade do lector neste fermoso e acaído relato, de fonda tenrura, centrado nunha nena que persegue o soño de ver o mar. Unha viaxe iniciática na que sobresae a amizade en maiúsculas.

Editorial: Xerais / Prezo: 15,50 euros / Idade: a partir de 4 anos 

«UN VAMPIRO PERIGOZO»

Autor: José Carlos Andrés 

Un vampiro que fala co «z» e que non logra dar un susto, e unha nena que treme ante el, pero da risa, conquistan ao lector neste exitoso álbum, xa en galego, que fala da superación de medos.

Editorial: NubeOcho / Prezo: 15.90 euros / Idade: a partir de 4 anos 

«O GRAN CLUB DOS DRAGÓNS MALOS»

Autor: Beach

Tres dragóns canallas, que, pese ao seu intento de facer o mal, erran, e axudan á xente, reteñen a mirada infantil neste colorido álbum, de texto festivo, que entretén e engancha á lectura.

Editorial: Picarona / Prezo: 12 euros / Idade: a partir de 4 anos  

«OS LIBROS NON SON PARA OS OSOS»

Autor: Mark Barry

Un oso que atopa un libro e quere xa máis, cativa nesta emotiva historia, de texto en maiúsculas, coa que poder iniciarse na lectura en galego. Un álbum que amosa que os libros son para todos

Editorial: Jaguar / Prezo: 15,95 euros / Idade: a partir de 4 anos 

«UN E SETE»

Autor: Gianni Rodari 

Un rapaz que á vez son sete, de cidades distintas, protagoniza esta historia, que xa é un clásico, breve e necesario, de fondo significado. Un canto á tolerancia como antídoto contra a violencia

Editorial: Kalandraka / Prezo: 17 euros / Idade: a partir de 5 anos 

«AVOA, NETO E BURRO»

Autor: Caxoto

Nunha nova colección, «Canto conto conta», dedicada ás narracións orais, crece este relato en familia sobre a importancia de non facer caso ao que digan os demais.

Editorial: Triqueta Verde / Prezo: 16,95 / Idade: a partir de 5 anos 

«BUFIÑO & BRUNILDA»

Autora: Barbara Cantini 

A creadora do éxito Mortiña volve con esta orixinal aventura, chea de detalles, centrada nun gato de rúa e nunha nena que o necesita para o seu voo de debut como bruxa. Máis diversión coa que sorrir.

Editorial: Hércules / Prezo: 12,90 euros / Idade: a partir de 7 anos 

«O GRAN LIBRO DOS NOSOS MARES»

Autora: Blanca Millán

A autora volve asombrar con esta nova obra divulgativa, chea de ideas inspiradoras, datos curiosos e actividades coas que, nesta ocasión, se explora o mar. Un título no que mergullarse.

Editorial: Cumio / Prezo: 19,95 euros / Idade: 7 anos

«XULIA BELAVISTA, DETECTIVE ANIMALISTA»

Autor: Diego Ameixeiras

Creativa e divertida novela sobre unha detective que busca a animais perdidos. Dela extráense temas como a conciencia social. Cada capítulo abre a fame literaria de máis.

Editorial: Edelvives / Prezo: 10,93 euros / Idade: a partir de 8 anos

«A MIÑA AVOA, A MIÑA HEROÍNA»

Autora: Sabela Fernández

Unha nena, que ve que os seus días son cada vez máis tristes, e a súa avoa, cómplice, sobresaen nesta apropiada e esperanzadora obra sobre a ansiedade e a fortaleza de sentirte acompañado.

Editorial: Xerais / Prezo: 12,95 euros / Idade: a partir de 9 anos 

«BENITA E MALVA E O CRIME DO CRÍTICO GASTRONÓMICO»

Autora: Érica Esmorís

Unhas xemelgas guían esta disparatada e humorística aventura, que atrapa cun asasinato, múltiples peripecias e coas croquetas máis deliciosas de París.

Editorial: Edelvives / Prezo: 11,39 euros / Idade: a partir de 10 anos