Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Os alegres absorbidos

Diego Ameixeiras

FUGAS

XOAN A. SOLER

28 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Uninme á manifestación convocada pola Plataforma Queremos Galego, en Santiago. Deambulaba ao meu aire, alleo ao desprazamento da xente, cando decidín que chegara o momento de ser absorbido pola masa, alianza que se forxou pouco despois de entrar no casco histórico. Hai quen se presenta nas marchas cidadás detrás dunha pancarta. Algúns portan bandeiras, outros exhiben carteis reivindicativos, os máis fervorosos tiran do carro berrando proclamas. E logo estamos os paseantes partidarios, unha columna de adscritos na sombra que ingresamos nas protestas sen complementos, que nos adherimos á liturxia cun suave cansanzo nos ollos, algo vencidos, como empezando a descartarnos en silencio, a pesar de todo en pé. Formando parte desa banda cheguei ao Obradoiro. Soaban discursos, había amigos, unha praza viva, teimosías estables, remendos dourados filtrándose entre as nubes. Unha lingua remexéndose. «Ausencia, escoita a miña protesta / contra a túa forza», escribiu John Donne. Eramos novos e a enerxía obrigaba a quedar ata o final das manifestacións. Berrábase forte contra unha guerra, por exemplo, e pensabamos que a cuestión se solucionaría alí mesmo, que a chegada dos acordos de paz dependía da nosa permanencia na praza. Quen miraba a hora perdía. A consigna, no descontento e nos bares, era baixar a persiana. Por suposto que segue sendo desexable outra orde mundial, proteccións públicas, vivendas, traballo, sanidade, educación, un territorio habitable, un idioma que non estea á intemperie. Pero agora marchamos antes. Pasou o tempo coma un coitelo e marchamos de todo antes. Deixamos coa palabra na boca aos lectores de manifestos, pagamos a última rolda, non deixa de soar a música, e sempre marchamos antes. Marchamos antes en dirección a protestas recónditas, por calellas solitarias, cada vez máis remotos, con sensación de exilio, esvaecéndonos coma poetas metafísicos ingleses. Insístese no canto e nós marchamos antes. Os datos din que o galego, abatido polo desleixo administrativo, corre risco de desaparición. Está por ver. Algunha xeración haberá que se encadee mellor ás prazas, que non saia delas ata que o asunto quede resolto. Somos nós os que camiñamos cara a evaporación. Os alegres absorbidos. Esa columna perplexa dos que imos quedando ao fondo, a desmán de case todo, coa luz diminuída, no tránsito de sermos xente ao lonxe.