Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O festival internacional Singular de monólogos de Narón atrae en marzo a Alberto San Juan e Toni Acosta

FUGAS

Alberto San Juan en un momento de su actuación
Alberto San Juan en un momento de su actuación

Do 7 ao 30 de marzo, co Pazo da Cultura como escenario principal, actuarán grandísimos intérpretes, así como a compañía Chévere ou Teatro del Barrio con Luis Bermejo

28 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

No mitolóxico monte Parnaso, Apolo ofrecía o néctar dos deuses aos grandes poetas. E alí Homero bebía e bebía ata crear clásicos como esa Odisea, cunha Penélope na eterna espera de Ulises. Algo dese néctar lendario debeu de caer sobre Narón, convertida dende hai anos no particular Parnaso galego: onde se reúnen os mellores dramaturgos, actrices e actores de toda a Península Ibérica. Como un símbolo de semellante actividade celébrase aquí Singular, o X Festival Internacional do Monólogo Teatral. Do 7 ao 30 de marzo, co Pazo da Cultura como escenario principal, actuarán grandísimos intérpretes da categoría de Toni Acosta, Alberto San Juan, os membros da compañía Chévere ou Teatro del Barrio con Luis Bermejo. Organiza o Concello de Narón a través do Padroado da Cultura, co apoio de Agadic (Xunta de Galicia), Redelae e Deputación da Coruña.

  A maiores, Singular inclúe outras propostas: un seminario de clown da arxentina Julieta Daga, talleres de teatro da cubana Beatriz Viñas, unha asemblea da Redelae, unha mesa redonda sobre a programación en Galicia de espectáculos internacionais e mesmo unha rolda de negocios. Esa iniciativa consiste en que 16 representantes de festivais internacionais (Latinoamérica, Chicago, Nova York) e 16 compañías galegas entablarán reunións exprés. O obxectivo é que ditas compañías teñan xiras por todo o mundo. De feito, o responsable do Padroado de Cultura, Luciano Fernández, recorda que «no pasado ano catro compañías galegas lograron grazas ao Singular facer xiras por Uruguai, Costa Rica ou Nicaragua».

todo o que se poderá ver

Luciano Fernández e a alcaldesa Marián Ferreiro destacan que «o 80 % destes espectáculos son de mulleres, e iso é moi importante xa que en España só o 30 % están dirixidos por mulleres». Singular iníciase o 7 de marzo con Toni Acosta en Una madre de película, o 8 de marzo chega Diego Anido con O deus do pop, o 14 será a proposta cubana La 4TA Lucía cun suposto casting que prepara o ICAIC. O 15 é a quenda da agardada comedia musical Macho Grita con Alberto San Juan, no seu persoal achegamento «á Reconquista e ao Descubrimento de América». O recoñecido actor encárgase ademais da dramaturxia, dirección, vestiario e espazo escénico.

 

 

 

 

O 21 de marzo, Chévere trae a propósito a Narón as súas Pequenas mentiras para contar grandes verdades. Teatro del Barrio ofrece o 22 a súa obra unipersoal Hoy tengo algo que hacer con Luis Bermejo, das peripecias dun home moderno que, seguindo a tradición picaresca, parte do fogar para comprender que é isto de ter unha ocupación». La Celestina representarase o 28 en estrea cos arxentinos Rey Marciali Producciones. E o 29 remata Atenea García con Vicio houbo sempre.

 

 

 

 

Singular tamén terá catro monólogos infantís: As verbas de Luísa (Manuela Varela, día 9), Kyoki (Elefante Elegante, o 16), Contos para entender(nos) mellor (Cris de Caldas, 23) e Lúa quere viaxar a... Marte! (A Xanela do Maxín, día 30).