«A Galicia do século XXI»: Para coñecernos máis e talvez mellor

Ramón Nicolás

FUGAS

07 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

No ano 2001 celebrouse un congreso titulado A cultura no século XXI. Nel participou Carlos Casares e, xa daquela, apuntou cara a dous factores que, ao seu xuízo, ían resultar claves para o futuro como eran a revolución dixital e mais a globalización: afirmacións que poden consultarse por fortuna nunha publicación desta intervención que realizou o Consello da Cultura Galega, cun limiar da profesora Dolores Vilavedra. Tanto por volta destes asuntos presaxiados polo escritor ourensán como doutras realidades que rodean os nosos tempos, xira A Galicia do século XXI, que, a meu entender, constitúe un dos ensaios máis clarividentes e suxestivos entre os publicados o ano pasado pois incorpora unha necesaria base científica, sociolóxica e histórica, para o coñecemento de nós mesmos nunha encrucillada marcada por multitude de cambios como é a que goberna o noso tempo.

Así pois, coordinado por Antón Álvarez Sousa, catedrático de Socioloxía da Universidade da Coruña, este volume acolle un conxunto de análises estruturadas en vinte capítulos que veñen da man de máis de trinta especialistas. Os asedios que se presentan afondan na dixitalización, na intelixencia artificial e na globalización cultural, neste caso asociada á morte das linguas cun apartado especial centrado no estado da lingua galega desde unha perspectiva sociolóxica, e ademais permiten mergullarnos en diversas temáticas como son o cambio climático e a transición ecolóxica; o envellecemento, a vida activa ou o despoboamento; as migracións e a posmodernidade; o lecer, as consecuencias do estrés e mais a saúde mental. Non se esquecen tampouco outros focos de interese como son a pobreza e a exclusión, o ordenamento do territorio; a denominada sociedade do risco, as crises globais e, xaora, a igualdade de xénero.

Un libro completo que suxire, ademais, posibilidades ulteriores para o debate e o diálogo en forma de iniciativas que demanden un exercicio de racionalización territorial e administrativa, que reformulen inercias para impulsar outros modelos organizativos máis eficientes e necesarios e que afonden no fortalecemento de aspectos identitarios que teñen que ver coa saúde da nosa lingua e da nosa cultura.