A un mes para deixar a portavocía do BNG, Vence pide á UPG e a Beiras que aparquen sectarismos e apoien unha entente electoral
31 ene 2016 . Actualizado a las 08:37 h.Liberado pola decisión de pechar a súa etapa na portavocía do BNG, Xavier Vence fai balance de tres anos nos que a forza que chegou a ser a segunda do país non corrixiu un declive que a pode levar a ter un peso residual. Vence desafía as teses da UPG, urxe a refundación completa do proxecto para sintonizar coa sociedade, e chama ao partido hexemónico e a Beiras a deixar os revanchismos para tecer unha alianza con En Marea como único xeito de derrotar ao PP.
-¿Que o leva a decidir non optar a revalidar o cargo na asemblea?
-Tras un esforzo de tres anos de recuperar o proxecto do BNG, toca ver o traballo. Fixemos cambios na boa dirección, pero tarde e sen a profundidade necesaria. Requeriríanse cambios moito máis profundos dos que está disposto a facer unha maioría do BNG. Serán outras persoas as que dean continuidade ao proxecto, de acordo co sentir maioritario.
-¿É esa renuncia a que lle permite posicionarse con máis rotundidade sobre eses cambios, en contra do criterio da liña oficial?
-Trato de manter o meu papel de portavoz, expresando as opinións da organización e as miñas apostas. Ao final dun mandato debo trasladar á militancia e á sociedade as conclusións destes anos, moi intensos e convulsos. É un deber moral, trasladar por onde creo que debe ir o proxecto para recuperar sintonía coa rúa e ser unha opción para a maioría.
-¿E que vieiro debe tomar o BNG para que a sociedade volva velo como un proxecto político útil?
-Temos que conectar cos sectores sociais apremiados pola crise, e respostar ás súas necesidades. En particular, da mocidade excluída laboral e socialmente. Cun discurso claro, que vincule o proxecto nacional cun social para a mocidade. Fixemos esforzos, pero insuficientes. E temos que traballar con flexibilidade en novas alianzas. A xente premia a capacidade de sumar fronte ás políticas da dereita, aínda que impliquen renunciar a aspectos do proxecto. A xente pide alternativas gañadoras fronte á dereita.
-¿Refírese a renunciar ás liñas vermellas respecto a Podemos?
-Viuse nas xerais, e penso que tamén se verá nas autonómicas, que hai unha maioría social en Galicia que quere derrotar ao PP, e no nacionalismo temos que ser capaces de entendernos os que compartimos uns mínimos, recoñecendo a Galicia como nación e o dereito a decidir. A derrota do PP é condición para reverter os recortes e tamén para avanzar na conciencia nacional do país.
-A mensaxe de sumar para derrotar ao PP funciona tanto cara dentro do BNG como cara fóra. Pero hai resistencias nos dous planos. A UPG insiste en rexeitar alianzas cos non nacionalistas.
-É un erro priorizar as diferenzas. O proxecto nacionalista é necesario e ten que preservarse, pero en circunstancias de emerxencia social hai que renunciar a algúns máximos para atopar un programa de mínimos e sumar o maior número de forzas. Para entenderse con sectores de En Marea que priman revanchismos nuns casos e poden poñer paos nas rodas a esa alternativa ao PP.
-Pero o texto oficial para a asemblea do BNG nega esas alianzas e da un ano para a refundación.
-Está o debate da estratexia electoral. Pero tamén o do futuro do proxecto e a necesaria refundación. A proposta da ponencia maioritaria é abrir un diálogo coa base social para reformular o proxecto, cun prazo dun ano para pechar o proceso. Pero tamén hai votos particulares que avogan por ir de inmediato a unha refundación, sen esperar ás autonómicas para tomar decisións xa antes do verán, e resolver eivas que moitos pensamos que dificultan que o BNG sexa visto como opción atractiva. A rapidez coa que se move a sociedade non permite prorrogar unha solución que se debera ter dado moito antes.
-¿Esa refundación debe implicar eliminar partidos e siglas no BNG?
-A parte da militancia organizada en partidos ou colectivos defende a permanencia dese modelo. Outros pensamos que iso é un factor de distorsión da toma de decisións e dificulta a confianza de sectores sociais que poderían ver no BNG un proxecto co que sintonizar. Con todo o respecto aos que opinan doutro xeito, xente moi valiosa, iso impide sumar.
-Aínda que UPG e Movemento Galego ao Socialismo manexan a tese certa do fracaso dos intentos de achegamento a En Marea.
-A negociación para as xerais foi mellorable por parte de todos.
-Non se viu moito entusiasmo.
-Había moi pouca vontade. Construíron unha coalición a súa medida e só no último momento se mostraron abertos a negociar o resultado co BNG. Tamén é certo que se o entusiasmo no Bloque fose maior se poderían ter dado pasos que facilitaran as cousas.
-En canto ás reticencias de En Marea a esa alianza, vostede fala de revanchismos. Beiras xa di que non haberá negociación en pé de igualdade. Non queren ao BNG.
-Hai declaracións contraditorias de Beiras, dende formular a posibilidade dunha coalición do espazo En Marea e o espazo BNG a formulacións de que iso non é posible. Quedaríame coa primeira. Sería un erro e ir en contra do que é un clamor da base social da esquerda e do nacionalismo negarnos á unha coalición técnica para sumar e optimizar todos os votos, un resultado que garantice a derrota do PP. É un erro dos que por revanchismo, sectarismo ou miopía se neguen á opción que a xente demanda.
-Aínda que En Marea sabe que o BNG xa non ten un capital electoral amplo, que é a súa proposta a que agora capta a maioría do voto no ámbito nacionalista.
-Se o ven así, sería unha equivocación. O BNG ten unha presenza social moi importante e institucional, nos concellos e deputacións. Quizais, neste intre, hai unha deficiente tradución en termos electorais. Pero ignorar que é parte fundamental para un proxecto de transformación deste país é unha arrogancia que seguramente a pagarán tamén nas urnas, e a pagaremos todos. Hai que ter xenerosidade para ver fortalezas e feblezas de cada quén. As autonómicas non son as xerais. É difícil construír unha alternativa gañadora ao PP sen o BNG.
xavier vence portavoz nacional do BNG
«Manter o sistema de partidos distorsiona a toma de decisións e dificulta que o BNG sintonice coa xente»
«A división de Amio segue sendo o drama do nacionalismo. Os protagonistas deben facer autocrítica»
«Moitos deixarán o BNG se non se dá a refundación total do proxecto que pide moita xente»
Vence rexeita o aprazamento da refundación do BNG que propón a liña oficial. Augura novas baixas se as expectativas se frustran na asemblea do 28 de febreiro.
-O Bloque perde apoios dende o 2001. ¿Por que non fixeron unha lectura axeitada desa crise?
-Houbo unha lectura equivocada da evolución da sociedade e do panorama político dende ese ano. E a resposta que se deu no 2009 e, sobre todo, en Amio (2012) foi unha tremenda equivocación. Amio foi un erro dramático para o proxecto. A división que se da a partires de aí segue a ser o grande drama do nacionalismo. Os protagonistas desa división deberan facer autocrítica e decatarse da necesidade de reunificar o espazo nacionalista, sumando dende a pluralidade e lendo a demanda do electorado.
-Pero Amio estoupa por inmobilismos que viñan creando dende hai tempo un clima de división.
-Aí crúzanse erros múltiples. Houbo unha dialéctica de confrontación dende o 2003-2005, de cuestionar o bipartito, da liña política do BNG de entón. Con descalificacións, nas que Beiras xogou un papel importante, que minaron a confianza no proxecto. Cun enroque de sectores do BNG que conduciron a un escenario letal, con posicións irreconciliables no 2012 que non vin xustificadas. Era una guerra fratricida e rexeitei participar. Non fomos quen de restañar iso dende 2013. Hai que reconsiderar a situación para construír a alternativa nacionalista imprescindible.
-Tamén é un erro pensar que a sangría de Amio rematou. Segue a marcha de militantes de peso.
-Co que pasou en Amio quedou moita xente frustrada, e a medida que as consecuencias electorais daquelo se van facendo evidentes a xente pide unha refundación completa do proxecto. Na medida en que non se atenda, moitos optarán polo abandono.
-¿Teme máis escisións o 28 de febreiro? Abrente está na porta.
-Espero que non. Confío en que a maioría no BNG lea con clareza o que demanda a base social nacionalista e a sociedade para refundar o proxecto sobre unhas bases que permitan recuperar a unidade e construír unha alternativa atractiva. Non podemos ser unha forza que se contenta coa convicción de termos a razón.
-¿E descarta vostede marchar se ve frustrada esa expectativa?
-Xa digo, confío en que a xente sexa consciente de que non podemos pedir prórrogas. Levamos estirando excesivamente este proceso de devalo electoral. É necesario reaccionar pronto, con profundidade e altura de miras.