Estamos afeitas a que desde Madrid as forzas estatais tomen decisións que nos complican a vida, e moito, aos galegos e ás galegas. Pero hai veces que esas decisións directamente adquiren categoría de tomadura de pelo, como o anuncio de cobrar por usar as autovías. E queremos responder claro: non é non.
Non imos asumir unha proposta regresiva, propia da dereita, que só busca facer caixa á custa dunha cidadanía que xa pagou cos seus impostos as autovías. Con ese criterio, que será o próximo polo que nos cobren, acudir á consulta médica? Non imos asumir este novo atraco que atenta contra a seguridade viaria, pois as peaxes limitan o acceso a vías seguras só a quen pode pagalas. Non queremos autoestradas para ricos; a seguridade é un dereito, non un privilexio. Non imos asumir unha medida discriminatoria porque, cos salarios e as pensións á cola do Estado, non estamos para pagar máis. E non imos asumir unha ocorrencia que lastra o desenvolvemento económico, penalizando a distribución e exportación dos nosos produtos.
Se o ministro Ábalos quere abrir un debate interesante que poña fin á estafa da AP-9, activando a transferencia e acabando cunhas peaxes desorbitadas, que o PP de Rajoy subiu un 40 %, e agora o PSOE de Sánchez sobe o 2 % con escusas de mal pagador. O Estado ve imposible rescatar a AP-9 pero non ten reparos en poñer sobre a mesa 4.000 millóns para rescatar as radiais madrileñas.
Discriminación para Galiza, menos cando se trata de pagar. Basta xa. Non é non.