Nieves Lagares: «A autonomía non só beneficiou a Galicia, creou unha nova España, con defectos pero co poder máis repartido, e iso non ten marcha atrás»

Sara Pérez Peral
S. Pérez REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

A profesora titular de Ciencia Política na Universidade de Santiago, Nieves Lagares
A profesora titular de Ciencia Política na Universidade de Santiago, Nieves Lagares

A profesora titular de Ciencia Política na Universidade de Santiago participa na publicación que editou o Parlamento de Galicia polos 40 anos de autonomía e cuxa versión dixital está dispoñible para os subscritores de La Voz de forma gratuíta

28 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Nieves Lagares Diez, profesora titular de Ciencia Política na Universidade de Santiago, é unha das voces que conforman esa historia dos corenta anos de Galicia autonómica que se presenta na publicación editada polo Parlamento de Galicia no ano 2021, Os tempos son chegados. Un balance da Galicia autonómica 1981-2021, cuxa versión dixital está dispoñible para os subscritores de La Voz de forma gratuíta dende este 25 de xullo, Día de Galicia. Lagares achega unha análise do sistema de partidos políticos nestas catro décadas, os ciclos electorais e as mudanzas nas estratexias dos partidos. 

—Di que non se pode entender a historia de España sen a autonomía de Galicia. Cal é a súa verdadeira importancia?

—A entrada da autonomía en Galicia pola vía do 151 é fundamental para concibir a España actual, plural e diversa, onde non só Cataluña e o País Vasco están vinculadas á idea nacional que expresa a Constitución, senón tamén Galicia, cunha expresión política moi diferente á doutras comunidades históricas. Aínda que naquel momento parecese máis complexo, incorporar a Galicia supuxo sacar a idea de nacionalidade dos espazos nacionalmente conflitivos. Por outra banda, o comezo da autonomía en Galicia supón a entrada de Alianza Popular nun goberno por primeira vez. Ese feito significou dúas cousas: non só o desenvolvemento da Administración autonómica galega, senón tamén o seu compromiso como partido con Galicia e a defensa das autonomías en España, a través da Xunta. Alianza Popular, un partido considerado antiautonomista pola súa reticencia ao Título VIII da Constitución, gaña as primeiras eleccións galegas e comeza a reivindicar competencias para o Goberno da Xunta, a institucionalizar unha autonomía, situándose na senda do proceso de descentralización político-administrativa e converténdose en defensor do Estado Autonómico. 

—Foi un momento no que os galegos defenderon os seus dereitos políticos, en paridade cos do País Vasco e Cataluña. 

—Estabamos unidos, como os españois na Transición. Compartimos valores, non sabiamos o que era a autonomía, pero sabiamos que era progreso, que era mirar cara adiante, non volver atrás; non compartiamos ideas, pero queriamos compartir o futuro. Esa maxia que xorde en certos momentos históricos e que fai grandes os pobos. Agora vivimos agarrados ao pasado e seriamos incapaces de facer o estatuto que fixemos naquel momento. 

—No artigo que asina en «Os tempos son chegados. Un balance da Galicia autonómica 1981-2021» destaca que nese momento conseguiuse que Alianza Popular, con Fraga e baixo o slogan «Galego coma ti», se volvera autonomista.

—Foi o gran éxito de Alianza Popular, dicirlle aos galegos que non había que ser como outros, senón que era o partido o que quería ser como o pobo. Non se trataba de ser como Cataluña, nin como o País Vasco, había unha forma de ser galega, distinta da española, como eramos os galegos. Co tempo, esa idea propia de «galeguidade» impúxose, e cando o resto dos partidos se quixeron dar conta, o PP era un partido hexemónico en Galicia. Había outra forma de construír unha idea de nacionalidade non nacionalista; no tellado de San Caetano só ía haber unha bandeira galega, pero a ninguén lle importaba, non era parte do conflito. 

—Que foi o máis importante neste proceso?  

—Sen dúbida, o máis importante é a unidade dos galegos, a determinación dos políticos de Galicia que chegaron a enfrontarse aos seus compañeiros de partido de Madrid. O caso de Rosón é o máis significativo, pero, estratexicamente, para o futuro de España o máis importante foi a vitoria de Alianza Popular: foi o inicio do fin da UCD, foi o nacemento do PP e a consolidación do feito autonómico en España. Xa ningún partido era antiautonomista. O paraugas para unha extrema dereita que quixese retornar ao centralismo xa se pechara. 

—De que xeito segue hoxe presente o que pasou nesa Cámara? 

—O que pasou na Cámara e na rúa é Galicia, é a nosa historia vivida, creou a centralidade na que se move hoxe Galicia. Incluso o BNG, que non estivo naquel estatuto, ten os seus momentos de éxito canto máis se acomoda á forma de expresar a política dos galegos. Non obstante, falta a unidade daquel momento, porque nunca volveu haber unha estratexia para Galicia, senón que cada partido tivo a súa. Tiñan razón os críticos do século XVIII en que os partidos esclerotizan as súas posicións e estratexias, pero é o custo da democracia. O problema é que en Galicia conformouse unha situación de veto respecto á renovación do estatuto difícil de romper. 

—Explicaba que este sistema autonómico é o que trouxo a maior prosperidade. Que aportou? 

—Capacidade de decisión. Os sistemas descentralizados son sempre máis equilibrados, tanto administrativa como politicamente, e xeran unha mellor distribución do poder e dos recursos. O fundamental é que os cidadáns teñen máis poder, e teñen todo o poder para elixir as súas autoridades internas, e polo tanto a satisfacción dos cidadáns con esas autoridades conta máis, e conta para toda a política de España. O modelo autonómico non só beneficiou a Galicia, creou unha nova España, con defectos, si, pero co poder máis repartido, e iso xa non ten marcha atrás. 

Os subscritores de La Voz con acceso dixital teñen dispoñible a descarga do exemplar a través desta páxina web: https://suscriptores.lavozdegalicia.es/os-tempos-son-chegados/

—Por iso a importancia de preservar o conseguido. 

—Si, moitas veces, pasoulle a Ciudadanos. Cremos que a igualdade ten que ser uniformidade, que todos temos que facer o mesmo e ter os mesmos servizos. Ter os mesmos dereitos non significa que todos teñamos que dispor do mesmo: cada comunidade ten que decidir como quere usar os seus recursos, como priorizar. No fondo, que todos teñamos o mesmo para sanidade, educación ou vivenda, só significa que outros poidan decidir por nós que servizos nos dan, especialmente para as comunidades pequenas. Ás veces, iso interfire nos dereitos individuais, certo, é complicado, como o tema da lingua. Pero tampouco aí hai que confundir o dereito coa teimosía política de uns e outros. 

—No seu texto, que titula «A evolución do sistema de partidos de Galicia», fai un xesto ao título do libro e afirma: «Os tempos eran chegados para que Galicia desenvolvera a súa autonomía».

—Ten que ver coa estrutura de oportunidade política daquel momento. Os galegos foron conscientes de que non había outro momento que aquel, e que o que non se conseguise entón non podería conseguirse nunca, e tiñan razón, fomos incapaces de estar de novo de acordo en nada, de volver a ter unha folla de ruta común. Canto máis fortes nos fixemos como autonomía, máis inflexibles nos volvemos. 

—Cal foi o rol das mulleres nese momento? 

—Aínda non chegara o momento de visibilización das mulleres, e visto de lonxe parece que non estaban, pero non é certo; a rúa, as universidades e as manifestacións xa estaban cheas de mulleres. 

—Só tres mulleres participaron na primeira lexislatura: María del Carmen Lovelle, Emma González Bermello e Flora Veiga, pioneiras nun mundo de homes. Representaban o 4 %. Na seguinte, só dúas. 

—A cultura política daquel momento estaba presente en todo, e era unha cultura política de homes. Aquelas pioneiras, non só no Parlamento galego, tamén nos municipios, tiñan un valor político enorme, máis alá das ideas ou do grao de participación. O cambio non chegou ata os anos noventa, e só o tempo permitiu ver os avances que para as mulleres tiveron os modelos de cotas ou os de discriminación positiva. A igualdade non se consegue sen vontade, e a vontade concrétase en modelos e instrumentos. 

—Faltan mulleres no Parlamento? Agora representan o 52 %. 

—Non faltan mulleres, faltan máis espazos de poder para as mulleres, e é algo que chegará grazas ao inconformismo das mulleres. Cada xeración ten que romper o seu propio teito de cristal, conseguir sobre o conseguido, aínda que ás veces se cometan erros. Aínda temos que ver a unha muller presidenta de Galicia. 

—Está a diferencia entre as que estudan e as que finalmente chegan aos postos directos. Cal é o problema?

—Os roles, aínda son determinantes nas posibilidades de acceso das mulleres. Cada muller ten que elixir, pero o problema non é elixir, é estar obrigada a elixir. Aínda non temos unha sociedade na que as mulleres non teñan que elixir, necesariamente. 

—Envelleceu ben a autonomía?

—Ninguén envellece ben, tampouco a autonomía. O estatuto ten engurras do que deixou atrás, do que non incorporou neste tempo, da evolución do propio mundo. Pero para os novos galegos, os que naceron dentro da autonomía, a Galicia autonómica é o espazo natural no que se resolven as súas vidas. 

—De que maneira marcou un antes e un despois? 

—O estatuto clausurou a Galicia franquista e incorporou outra nova. Non recuperou o pasado como algúns crían ou quixeron crer, máis ben creou a Galicia de hoxe. 

—Está o debate pola reforma. Partidos como o BNG e o PSdeG pensan que se quedou atrás con respecto a outras comunidades. Necesítaa? 

—É tan imprescindible como imposible porque na España de hoxe as palabras resignificáronse para enfrontalas aos outros. O último intento, o de Touriño, acabou en fracaso. Xa non era posible atopar unha saída común porque xa non aspirabamos a ter un relato compartido, senón un futuro no que o noso relato se impuxera ao outro. 

—Se puidese participar no proceso, que cambiaría ou incluiría? 

—Gustaríame que o estatuto servise para resolver os problemas dos galegos do futuro e non os dos galegos do pasado, que incluíse os novos valores, que se escribise con diferentes linguaxes políticas e fose capaz de dar sentido a todos os relatos. Un estatuto do que todas nos sintamos parte e do que ninguén se sinta excluído, pero dubido moito que iso sexa posible hoxe. Haberá que esperar outro momento no o que tempo volva ser o chegado.