Case mil alumnos de FP tratarán de resolver retos reais de vinte empresas no Innovatech FP

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Román Rodríguez y otros cargos de la consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP posan con los representantes de las empresas y los profesores y alumnos que acudieron a la presentación de los retos en Santiago
Román Rodríguez y otros cargos de la consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP posan con los representantes de las empresas y los profesores y alumnos que acudieron a la presentación de los retos en Santiago

A segunda edición do programa duplica o número de firmas que confían no alumnado para propoñer solucións a problemáticas concretas que teñen

19 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Vai só pola súa segunda edición, pero o programa Innovatech FP xa conseguiu gañar a confianza das empresas. Na convocatoria deste ano duplicouse o número de firmas que propuxeron retos tecnolóxicos reais, vinculados á súa actividade, para que sexan resoltos por alumnado da Formación Profesional galega. Pero tamén calou entre os centros educativos. Este curso participan equipos de 69 institutos e CIPF distintos. Entre todos suman case mil estudantes, un 50 % máis que o ano pasado, que contarán coa guía de 240 docentes.

Os alumnos, agrupados en equipos de catro persoas, multidisciplinares e mixtos en canto a xénero dos seus participantes, terán que propoñer solucións innovadoras a desafíos de compoñente tecnolóxica detectados por distintas compañías no seu día a día. «Van responder ás necesidades reais do tecido produtivo apoiándose na innovación tecnolóxica e no emprendemento», destacou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, na xornada de presentación dos retos.

Os equipos teñen ata o 12 de febreiro para enviar as súas propostas. As tres mellores de cada desafío pasarán á fase de desenvolvemento, co apoio técnico do Centro Galego de Innovación da Formación Profesional (CGIFP). Os proxectos expoñeranse nunha xornada final, e o proxecto gañador incorporarase á área de emprendemento industrial do CIGPF, onde terá dispoñibles medios para a súa incubación e aceleración, ata poder, incluso, derivar na creación dunha nova empresa innovadora de base tecnolóxica. Estos son os retos lanzados.

FUNDACIÓN NATURGY

As grandes paletas dos aeroxeradores dos parques eólicos, compostas principalmente de materiais como a fibra de vidro ou a resina, no son fáciles de reciclar o reutilizar. Este reto pide desenvolver solucións innovadoras para xestionar esas paletas en desuso dándolles unha segunda vida a eses materiais, ben como novos produtos, ben integrándoos en procesos de construción ou de creación de mobiliario urbano, por exemplo, fomentando a economía circular e reducindo o impacto ambiental.

 L’ORÉAL

O sector da imaxe persoal ten que estar sempre preparado antes as novas tendencias e expectativas dos clientes. Os equipos deberán deseñar unha plataforma dixital que reúna a estudantes, profesionais e salóns de beleza e que permita a actualización constante do sector. Tamén deberá incluír unha bolsa de emprego que, a través de algoritmos, elabore perfís completos dos estudantes anotados.

 VIAQUA

Desenvolver un sistema que, empregando a intelixencia artificial, poida identificar sons anómalos ou variacións nos patróns de son en distintos equipos industriais que poidan indicar desgastes ou problemas que poidan derivar en fallos graves. O sistema debe emitir alertas temperás para que os técnicos poidan tomar medidas preventivas antes de que os equipos se danen seriamente.

 ROBERTO VERINO

O reto pasa por crear un sistema de predición baseado na intelixencia artificial (IA) que optimice a xestión de inventarios, para evitar excesos ou falta de produtos. Analizando datos históricos de vendas e información das redes sociais, esa IA debe anticipar a demanda de produtos, para asegurar unha resposta máis áxil e adaptada ás necesidades do mercado.

 FINSA

Empregar cortizas de árbore e restos de madeira como biomasa para xerar enerxía produce bastantes cinzas. Os equipos participantes deberán facer propostas para reutilizar esas cinzas de xeito eficiente e sostible, en ámbitos como o agrícola, o forestal ou a construción, por exemplo.

 EL PULPO

Reducir a pegada ambiental das empresas do sector da moda e prolongar a vida útil dos produtos. Son as dúas premisas deste reto, consistente en desenvolver un sistema de economía circular, empezando por crear unha plataforma dixital para a compravenda, intercambio, doazón e reciclaxe de prendas. Haberá que deseñar tamén unha campaña de lanzamento que reflicta os valores da marca, empregando a IA.

 PÉREZ RUMBAO

Os traballadores de talleres e campas dedican moito tempo a localizar os vehículos nas instalacións. Por iso neste reto hai que desenvolver un sistema intelixente de localización e xestión de vehículos, que permita identificar en tempo real os coches, integrando tecnoloxías GPS ou RFID. Ademais da localización exacta, debe asociar o estado de reparación do vehículo, e avaliar a capacidade dos espazos de traballo, para xestionar mellor as entradas e saídas de automóbiles.

 FUNDACIÓN SAN ROSENDO

Os equipos deben deseñar un dispositivo ou aplicación que incentive aos pacientes a realizar os exercicios marcados nas súas terapias de rehabilitación. Debe adaptarse ás necesidades de cada usuario e facer a terapia atractiva e motivadora.

 DIESEMM

Pensando na mellor organización de grandes eventos, como congresos ou competicións deportivas, hai que crear unha plataforma dixital que optimice a xestión de recursos materiais e humanos nesas citas. Debe permitir a asignación e monitorización dos traballadores en tempo real, así como xestionar o inventario de recursos e activar a súa reposición automática. A interface debe ser intuitiva e o sistema, escalable para distintos tipos e tamaños de evento.

 COCA-COLA

O proceso de pasteurización, fundamental na industria de produción de refrescos, require unha gran achega de auga fresca para baixar a temperatura de saída do produto. O reto está en analizar e avaliar distintas alternativas de arrefriamento que poidan substituír a auga fresca, que sexan viables técnica e economicamente.

 REPSOL

O reto xira arredor de dous equipos esenciais para a produción e a seguridade na industria química: as bombas en voladizo e as de dobre apoio. Os equipos deberán desenvolver un sistema baseado en IA que analice os espectros de vibracións de equipos críticos, identifique patróns e casuísticas de fallos e prevea a vida útil que lle queda aos equipos, para apoiar a toma de decisións sobre cando arranxar ou substituír as máquinas.

 NAVANTIA

A construción modular de buques, con bloques fabricándose en distintas partes do estaleiro para logo ensamblalos na grada é eficiente, pero implica riscos. O reto pasa por desenvolver tecnoloxía para mellorar a inspección e control durante a construción modular, analizando o estado de bloques e compoñentes, verificando a montaxe e detectando incidencias. Pode incluír distintas ferramentas como drons ou robots autónomos, sensores avanzados, realidade aumentada ou IA para analizar datos en tempo real e xerar informes automaticamente.

 EBA

Neste caso hai que deseñar e producir un sistema de embalaxe ecolóxico, pero que resista as condicións extremas e a manipulación que deben soportar mercadorías como mobles e mesados no transporte internacional. Ten que poder usarse con carretillas elevadoras, ser facilmente desmontable para inspeccións e entregas e proporcionar a máxima protección co mínimo custe e volume. Cómpre evitar plásticos e materiais non reciclables, e ao final da vida útil, a embalaxe debe poder aproveitarse como fonte de enerxía calorífica.

 ZENDAL

Na produción de vacinas é fundamental cuantificar os toxoides —toxinas cuxa toxicidade foi atenuada ou suprimida—. Pero a día de hoxe, isto require o uso de animais de laboratorio. Os equipos deben desenvolver un método in vitro de cuantificación de toxoides que garanta medicións precisas sen ter que usar animais, e que sexa, ademais, rendible e sostible.

 GRUPO CUEVAS

Transformar unha castaña nun exquisito marrón glacé require un delicado pelado ao vapor, moi laborioso e custoso, o que limita o produto que se pode poñer no mercado. O reto é desenvolver un sistema de pelado máis eficiente, que optimice o aproveitamento da castaña, mantendo a integridade do froito, que reduza os custes e aumente a cantidade de castaña que se poida comercializar.

 WINDWAVES

Esta empresa líder na fabricación de estruturas para a enerxía eólica mariña busca desenvolver un equipo que, controlado de xeito remoto, poida moverse dentro de tubaxes de acceso reducido, para inspeccionar o estado das soldaduras. Debe adaptarse a distintos diámetros, captar imaxes e medicións, e incorporar unha ferramenta de esmerilado para pulir as imperfeccións. Para nota: que poida almacenar e analizar os datos e as imaxes recollidas e xerar informes.

 BIOMASA FORESTAL

Esta empresa do grupo Gestán fabrica e comercializa biocombustibles sólidos, como os pellet de madeira. Este é un produto moi estacional, con demanda só na época de frío. A proposta é desenvolver un produto innovador, a partir de madeira, que teña unha demanda constante ao longo do ano, e máis valor engadido, respondendo a unha necesidade real dos clientes. Valórase que a proposta precise poucos cambios na liña de produción que xa existe, e que se poida implementar de xeito rápido e eficiente.

 QUESCREM

Xestionar os lodos orgánicos xerados na produción de biogás pode ser moi custoso. As propostas que se presenten deben mellorar os procesos de xestión e tratamento dos lodos industriais, reducindo os custes asociados e permitindo que eses residuos, xa tratados, poidan comercializarse como abono, conseguindo un produto rendible e compatible con prácticas ambientais sustentables.

 EMAFESA

As fugas de auga que non se detectan poden provocar danos, ademais de consumo excesivo. Pero os sistemas actuais non son quen de identificar fluxos continuados ou anómalos. Neste reto hai que desenvolver un sistema que si o faga, permitindo un control en tempo real e podendo activar automaticamente o peche do abastecemento se se detectan anomalías, xerando ademais unha alerta ao usuario.

 BOAGA

Tomarlle as medidas ao gando vacún é unha tarefa complexa, que require inmobilizar ao animal e contratar a man de obra especializada. O reto consiste en desenvolver un sistema de captura e procesamento de imaxes que permita establecer medidas zootécnicas segundo estándares internacionais, facilitando a obtención de datos precisos e fiables, e automatizar a toma das mesmas.