O persoal do Sergas puntuará na carreira profesional por formarse en galego para atender aos pacientes
GALICIA
A Xunta pon en marcha unha campaña para fomentar o uso desta lingua no ámbito sanitario
20 dic 2024 . Actualizado a las 16:26 h.«Saca a lingua que levas dentro». Con ese lema as consellerías de Lingua e Sanidade acaban de presentar unha campaña para fomentar o uso do galego no ámbito sanitario. Unha campaña esencial en palabras do responsable da política lingüística da Xunta, José López Campos, xa que se trata dun eido no que o doente tende a falar en castelán aínda que a súa lingua habitual sexa o galego.
A campaña incluirá, ademais dun vídeo divulgativo, medidas concretas. Por exemplo, cursos de lingua para sanitarios co obxectivo de mellorar a atención a pacientes galegofalantes. Ofreceranse no primeiro trimestre do 2025 a todo o persoal do Sergas e puntuarán na carreira profesional, co fin de que sirva de estímulo para os traballadores. Trátase de seminarios en modalidade de autoformación e dirixiranse en especial ao persoal que careza do título acreditativo do coñecemento da lingua coa concesión dun punto para a carreira profesional.
Ademais vaise revisar toda a documentación de interacción co paciente, por exemplo os consentimentos informados ou procedementos como colonoscopias ou broncoscopias para que estean en galego, do mesmo xeito que a sinalización de hospitais e centros de saúde.
Empregar esta lingua nas comunicacións dixitais que fai o Sergas ou recomendar aos propios sanitarios que usen o galego nas súas conversas cos usuarios son outras iniciativas deste campaña que quere trasladar á cidadanía que o uso do galego é unha cuestión de prestixio.
Porque, apuntaba o conselleiro de Cultura, «temos detectado que a veces os cidadáns teñen tendencia a que cada vez que entran no hospital, aínda que o seu idioma sexa o galego, se intentan relacionar en castelán». López Campos lembrou que este é un dos retos dentro da estratexia de normalización do uso do galego, «xa que o ámbito sanitario é un dos entornos onde temos que facer un especial esforzo, igual que no ámbito xudicial ou o educativo».
O propio responsable do departamento sanitario, Antonio Gómez Caamaño, confirmaba esas situacións, polo que anima aos profesionais a que fagan esa atención en galego, «e así o doente falará nesta lingua». Caamaño explicou que o Sergas recibe algunha queixa por non empregar o galego, pero son moi poucas.
Campos insiste en que o problema do galego é a ruptura da transmisión oral de pais a fillos ou mesmo de avós a netos e a falla de normalización e uso nos ámbitos sociais, pero non a competencia, xa que está perfectamente acreditado que os cidadáns teñen competencias lingüísticas.
Todas estas medidas da Xunta se inclúen de cara a actualización prevista do Plan xeral de normalización da lingua galega, unha iniciativa proposta aos grupos parlamentarios no marco das conversas para acadar un pacto pola lingua.