«El sabe que hai que ter paciencia e que non por coller atallos saen mellos as cousas»
05 dic 2024 . Actualizado a las 15:56 h.Cando estaba na canteira do Celta, coincidín polo menos unha tempada con Fer López cando estaba como asistente. Lembro un xogador con moitísima calidade e intelixencia no xogo e no seu día a día. E tamén recordo un Fer pequeniño, algo que durante anos foi en certa medida un lastre para el respecto a compañeiros que estaban máis desenvolvidos. Co paso dos anos, pensando nesas trabas que puido ter polo seu físico, creo que tamén lle axudaron a desenvolver outros factores do xogo que, de non ser así, igual non tería a día de hoxe.
Fer é o típico xogador que, a falta de físico, buscouse as castañas e agora que si ten ese físico, pode conxuntar o que teñen os xogadores pequenos coa fortaleza que tamén amosa. Pasouno mal, coñezo tanto a el como aos seus pais, coincidín nun centro de traballo físico e sei o duro que traballou para mellorar as súas carencias físicas, a coordinación, a velocidade, a forza... Creo que está recollendo os froitos dun esforzo semanal duro unido aos adestramentos e estudos, e é moi merecido.
Vexo a Fer moi maduro no xogo, algo que non é habitual á súa idade, adoita haber outras características nas que destacas cando irrompes no primeiro equipo e el ten ese poso de xogador que parece que leva moitos anos. E a iso súmalle unha excelencia técnica brutal, é moi elegante, xoga claro, e chama a atención. E está sumando goles, que era o que lle faltaba para dar o salto.
Probablemente este preparado para ter minutos de calidade no primeiro equipo. É Certo que xa se tivo paciencia con el, el mesmo sabe que hai que ter paciencia, que por coller atallos non saen mellor as cousas. O club está facendo ben en protexelo, pero tamén hai cousas que son inevitables e se vai tendo minutos en Copa e vai tendo algunha convocatoria, ao final chega un momento que non podes frear algo que, oxalá non nos equivoquemos, e vemos que vai suceder si ou si, que é que vai ser xogador de Primeira.
Se hai un xogador do que diría que non se vai descentrar e non lle vai pasar factura que se fale del é Fer. Todos os que están chegando ao primeiro equipo son a consecuencia dun traballo na Madroa de preparar aos xogadores. Todos os que chegaron coincide que son rapaces excelentes, cos pés no chan, e non creo que sexa casualidade. Pero a Fer aínda o ves un paso por riba dos demais nese aspecto. O futuro vai depender del e el é consciente desdehai anos de que ninguén regala nada no mundo do fútbol. Creo que vai seguir con ese camiño e alégrome moito de que a un rapaz tan san, educado e con tanto saber estar lle vaian ben as cousa.