Héctor Souto, seleccionador de Indonesia: «A renovación indica que imos na dirección axeitada»
LEMOS

O chantadino Héctor Souto amosa a súa satisfacción por renovar tres anos máis coa selección de Indonesia.
—Que supón esta renovación?
—Supón que o traballo feito foi suficiente para convencer ós nosos directivos de que imos na dirección axeitada para facer medrar o futsal en Indonesia. Estou contento de que en tan pouco espazo de tempo depositen a confianza en min propoñéndome un contrato longo. E por outra banda, tamén quere dicir que me sinto identificado co seu proxecto e que me gustaría darlle un pulo.
—Cal é a folla de ruta?
—Neses tres anos vai haber torneos do sueste asiático, torneos de Asia e no 2028 hai Copa do Mundo. Eu son unha persoa moi realista e sei que aínda nos falta moito por construír para acadar estabilidade de resultados. Aínda así, tentaremos pelexar polos campionatos do sueste asiático neste 2025 con vistas a facer un moi bo torneo no próximo asiático de xaneiro 2026 do que somos anfitrións. No país, os afeccionados falan de conseguir clasificar para a copa do mundo, pero debemos ter os pes na terra e traballar moito antes de conseguir tal resultado por primeira vez.
—Que destacaría da súa etapa?
—A nivel de resultados, todo saíu a pedir de boca. Dúas ligas de Indonesia, unha copa de clubs do sueste asiático e unha de seleccións. No último torneo acadamos a segunda posición contra rivais da entidade de Arxentina, Xapón ou Arabia Saudí. A nivel de rendemento, creo que contribuín a achegar unha idea de futsal moi profesionalizado. Creo que tanto eu coma outros adestradores estranxeiros en Indonesia sentamos as bases de como debe estruturarse un proxecto profesional. A nivel de selección, a contribución é maior por ter influencia a todos os niveis: desenvolvemento de competicións, promoción e estruturación do deporte base, pelexar para a inclusión do futsal dentro do currículo educativo, creación de grupos de traballo sobre adestramento de porteiros, análises de xogo e preparación física. Estamos abrindo vías para facer mellorar o deporte no país e creo que estamos a dar os pasos axeitados.