«Eu faría folga igual, pero este traballo de clase axudounos a aclarar ideas»

Carlos Cortés
carlos cortes CHANTADA / LA VOZ

CHANTADA

ROI FERNÁNDEZ

Os estudantes de Chantada que fixeron o cartel oficial da Xunta secundarán as protestas convocadas para hoxe

08 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre todas as propostas que lle chegaron de colexios e institutos de toda Galicia, a Xunta elixiu para o cartel oficial da conmemoración do Día da Muller o deseño que elaboraron un grupo de seis rapaces de Chantada. Estudan ESO no instituto Val do Asma e os seis teñen moi claro que hai razóns non só para conmemorar o 8 de Marzo, senón tamén para secundar as protestas que están convocadas este ano.

«Eu faria folga igual, pero participar neste traballo de clase axudounos a aclarar algunhas ideas». Dio Victoria Ribeiro, una das integrantes da clase de cuarto de ESO que elaborou este cartel. Ela e Clara Suárez, a outra muller do grupo, van secundar a folga de hoxe. Os seus compañeiros Jorge Vázquez, JiaQi Xu, Cristian Fernández e Carlos Vázquez no farán folga porque son homes e eles non están convocados, pero participarán nas actividades sobre o Día da Muller que ten prorgamadas este instituto para a xornada de hoxe.

Os seis desprazáronse a Santiago a semana pasada para participar na presentación oficial do cartel xunto cos máximos responsables da Secretaría Xeral de Igualdade, o departamento da Xunta que organizou o concurso e pedu a colaboración de todos os centros educativos de Galicia. Con eles ía Lola López, a súa profesora de Plástica, e quen lles propuxo participar. «Pareceume interesante traballar cos rapaces o tema da igualdade ?recorda a profesora?, así que llelo propuxen, non foi nada imposto».

Todo desde o principio

Eles non puxeron ningún pero e unha vez pasada a ponte do entroido puxéronse a traballar. Tiveron que traballar o proceso creativo desde o principio, e co punto de partida de entender o que pedía o cliente ?neste caso a Xunta?, buscaron información sobre o que se conmemora o 8 de marzo, consensuaron un lema e o proceso técnico de creación do deseño e puxéronse de acordo para darlle a forma que finalmente ten.

O cartel elaborado por estes seis rapaces de idades comprendidas entre os 15 e os 17 anos está formado por unha cara de muller, que en realidade son seis distintas, cruzada polo lema «Libres e iguais». Todo é factura deles. A idea inicial era que cada un pintase unha cara feminina en acuarela, a técnica que acababan de aprender na clase de plástica. E despois elixirían entre todos unha delas. Pero sobre a marcha decidírono facer dutra maneira. Mesturarían todas as caras nunha soa.O resultado final é o expresivo deseño distribuído a semana pasada pola Xunta entre os centros educativos de toda Galicia.