Cultura licita o plan director de Santa Eulalia de Bóveda

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO

Visita de Javier Arias a Santa Eulalia de Bóveda
Visita de Javier Arias a Santa Eulalia de Bóveda CEDIDA

Faino coincidindo co 90 aniversario da súa declaración como monumento artístico nacional

03 jun 2021 . Actualizado a las 18:50 h.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de licitar a redacción do Plan Director do templo de Santa Eulalia de Bóveda, en Lugo, «un documento que sentará as bases das actuacións necesarias para avanzar na preservación e posta en valor deste Ben de Interese Cultural que xestiona directamente a Xunta», sinalaron desde a consellería.

Así o anunciou o delegado territorial da Administración galega, Javier Arias, no transcurso dunha visita con ocasión do 90 aniversario da súa declaración como Monumento Histórico-Artístico Nacional xunto con outros nove bens patrimoniais senlleiros da provincia.

O contrato sae a licitación por un importe de 122.400 euros e un prazo de execución de 24 meses. Arias apuntou que o obxecto é «establecer o estado de conservación actual para definir as liñas de actuación de cara ao futuro, así como as propostas para o desenvolvemento sustentable deste ben a través dunha xestión axeitada».

Lembrou que a Xunta ten levado a cabo sucesivas actuacións de preservación e promoción do monumento e agora inicia a tramitación para contratar este Plan Director, que terá «un proceso de elaboración complexo porque será un documento amplo que permitirá afondar no seu coñecemento e guiará as súas necesidades e condicións de mantemento nos vindeiros anos», incluído o xeito de abordar o seu uso cultural dunha forma «racional e sostible».

Vídeo divulgativo e balance de investimentos

O templo de Santa Eulalia de Bóveda foi declarado Monumento Histórico-Artístico Nacional en 1931 xunto con outras tres construcións da capital lucense como a Catedral, as Termas romanas e o convento de San Francisco (actual igrexa de San Pedro); a basílica de San Martiño de Mondoñedo (Foz), o mosteiro de Santa María de Meira, a igrexa de San Nicolás ou San Xoán (Portomarín), as de Santo Estevo de Ribas do Miño e San Paio de Diomondi (O Saviñao) e a de San Salvador de Vilar de Donas (Palas de Rei).

Co fin de divulgar o valor e singularidade destes monumentos e animar á cidadanía a coñecelos, o delegado territorial da Xunta presentou hoxe un vídeo elaborado polo departamento autonómico de Cultura que será difundido a través das redes sociais.

«Queremos convidar á xente a visitar estes símbolos do noso patrimonio cultural e artístico», dixo Arias, quen salientou que «o importante é que sigamos traballando na súa preservación e no impulso do seu coñecemento para que sigan sendo un legado vivo». Nesa liña, fixo balance das intervencións máis recentes realizadas pola Xunta nestas dez infraestruturas e explicou que só nos últimos seis exercicios lévanse destinado máis de 3,3 millóns de euros de fondos autonómicos á súa conservación.

Destacou as obras que están actualmente en marcha, como os traballos de posta a punto das igrexas de San Francisco de Lugo, cun orzamento superior aos 750.000 euros; e Santo Estevo de Ribas de Miño, un dos bens máis emblemáticos da Ribeira Sacra, no que o Goberno galego está a investir preto de 350.000 euros. Tamén se traballou nos últimos meses na restauración da igrexa de San Nicolás de Portomarín, unha das máis recoñecidas do Camiño Francés, á que se destinaron 250.000 euros.

Visita de Javier Arias a Santa Eulalia de Bóveda
Visita de Javier Arias a Santa Eulalia de Bóveda

Arias resaltou así mesmo o avance na posta en valor da Catedral de Lugo e no impulso do Museo Catedralicio en estreita colaboración co Bispado. Así, lembrou que o departamento de Cultura executará obras de restauración no claustro, que se suman ás últimas actuacións centradas no acondicionamento do baixo cuberta das antigas sancristías e a capela de San Froilán e ao convenio subscrito no 2016 para o impulso do Museo Diocesano e Catedralicio de Lugo.

Por último, o delegado engadiu que os orzamentos destes seis anos tamén incluíron partidas para continuar coa restauración das pinturas murais da igrexa monacal de San Salvador de Vilar de Donas; actuar na cuberta e a fachada da igrexa de San Paio de Diomondi; avanzar na rehabilitación da Casa Reitoral e o proxecto museográfico do Centro de Interpretación de San Martiño de Mondoñedo ou restaurar o retablo da lactación ou de San Bernardo da igrexa do mosteiro de Santa María de Meira, entre outras actuacións.