Avanza a apertura do centro de atención aos maiores en Pedrafita do Cebreiro

La Voz LUGO

PEDRAFITA DO CEBREIRO

Deputación e Concello de Pedrafita do Cebreiro dan un paso máis para a apertura da residencia
Deputación e Concello de Pedrafita do Cebreiro dan un paso máis para a apertura da residencia CEDIDA

A Deputación agarda abrilo antes de finais de ano, a falta do equipamento e coas obras rematadas

10 jul 2020 . Actualizado a las 19:36 h.

A posta en marcha do centro de atención a maiores no municipio de Pedrafita do Cebreiro deu onte un paso administrativo máis trala firma na Deputación do convenio de colaboración co Concello. A institución provincial prevé poder abrilo antes de finais de ano, posto que as obras están rematadas e resta dotalo do equipamento necesario.

Nestes momentos, a Deputación ten en marcha a contratación do equipamento deste centro cun orzamento de preto de 200.000 euros e ó longo deste mes iniciaranse tamén todos os trámites que permitirán a xestión pública da dotación social.

«Estaríamos en condicións de abrir a residencia a finais de ano, cumprindo así co compromiso que fixemos cando aprobamos os orzamentos deste 2020: poñer en marcha o centro de atención a maiores de Pedrafita este ano», subliñou o presidente da institución provincial, José Tomé.

50 prazas en total

Este convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Pedrafita do Cebreiro establece a xestión pública do centro que dispón de 30 prazas de residencia e 20 de centro de día. As obras están rematadas e resta dotala de equipamento.

O acceso ás prazas será de xeito preferente para os veciños deste municipio; en segundo termo para os municipios limítrofes ou da comarca; e posteriormente para lucenses en xeral. Todos os veciños e veciñas que o desexen, poderán acceder a estas prazas, independentemente da súa situación económica, posto que pagarán en función dos recursos dos que dispoñan.

Outras actuacións

A día de hoxe, están en funcionamento as residencias de Pol, Trabada, Ribadeo e A Fonsagrada. Durante este primeiro ano de mandato, a Deputación asinou o convenio marco de colaboración co Concello de Castroverde, para a apertura deste centro a finais de ano; o protocolo con Pantón para a construción da residencia neste municipio; iniciáronse as obras de construción da residencia de Guitiriz na Casa da Botica e a institución provincial tamén recibiu de SUPLUSA o edificio pertencente á residencia de Meira.