Falece Arcadio López-Casanova, histórico poeta e ensaísta lucense da xeración dos Novísimos

La Voz LUGO

OBITUARIOS

Arcadio López Casanova, escritor lucense y profesor de universidad.
Arcadio López Casanova, escritor lucense y profesor de universidad. Óscar Cela

Marchou dar clase á Universidade de Valencia, pero as súas raíces seguían en Lugo

11 abr 2022 . Actualizado a las 20:58 h.

A morte de Arcadio López-Casanova (Lugo, 1942) deixou onte orfa á xeración de escritores coñecida como os Novísimos do 68. A esta quinta pertencía o poeta, crítico literario e ensaísta lucense, que morreu aos 79 anos na súa casa de Valencia, onde residía e traballaba como profesor de universidade.

Na súa xuventude estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela, cidade na que entrou en contacto coas figuras máis relevantes do galeguismo da época, como Ramón Piñeiro. Tras graduarse, pasou polo Colexio Fingoi, de Lugo, onde impartiu clases nunha época na que era director Ricardo Carvalho Calero. Durante eses anos compartiu centro co tamén escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, o que converteu o colexio nun dos puntos neurálxicos da poesía incipiente de Galicia.

Trasladouse en 1968 a Valencia para ocupar unha cátedra de Lingua e Literatura Española no Instituto Mariano Benlliure. No ano 1986 pasou a ser profesor do departamento de Filoloxía Española da Facultade de Filoloxía da Universidade de Valencia, onde impartiu materias relacionadas coa poesía e a novela españolas do século XX ata a súa xubilación. Aos 70 anos, foi nomeado profesor emérito.

Á súa mesma xeración literaria pertencían escritores de renome como Manuel Vázquez Montalbán, Antonio Martínez Sarrión, José María Álvarez, Félix de Azúa, Pere Gimferrer, Vicente Molina Foix, Guillermo Carnero, Ana María Moix ou Leopoldo María Panero.

O estilo de López-Casanova centrábase no dramatismo do paso do tempo, a ansia por preservar a inocencia infantil e a comprensión humana do feito traumático que é a morte.

Ao longo da súa carreira gañou numerosos premios, entre os que destacan o Adonáis de poesía ou o posto que acadou de finalista no Premio Nacional de la Crítica Española.

Entre os seus títulos máis citados, tanto en castelán como en galego, están Mesteres, La oscura potestad ou Liturxia do corpo.

Os faladoiros do bar Madrid

Fóra do ámbito laboral, López-Casanova tamén era un intelectual. A pesar de marchar a Valencia, acudía con frecuencia a Lugo, de onde tamén era orixinaria a súa dona, polo que pasaba varias veces ao ano pola súa cidade natal. Era entón cando visitaba os faladoiros de Celestino Fernández de la Vega, no bar Madrid, nunhas citas nas que «desfrutaba moito», segundo lembra algún achegado.

Pasou parte da súa infancia na casa familiar, no concello do Páramo. No ano 2012 foi elixido membro honorífico da Real Academia Galega polos seus méritos como escritor, ensaísta e poeta. Foi, durante anos, habitual colaborador de La Voz de Galicia.