«Grândola, vila morena»

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

21 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Acaba de editarse en Portugal, precisamente en Grândola, unha nova edición da «emblemática e imortal canção» de José Afonso (Óscar Lopes). O disco, co título Para sempre, leva anexo un opúsculo no que colaboran músicos vencellados a Zeca Afonso (Francisco Fanhais, José Mário Branco…) e amigos que o trataron intensamente, entre eles o lugués Arturo Reguera, hoxe residente na vila de Grândola, onde participa en canta actividade supoña a ilustración e a divulgación da vida e da obra do músico e do cantor que inmortalizou a máis citada das vilas portuguesas. Arturo Reguera, alén disto, é unha autoridade no estudo das edicións portuguesas do Quixote.

Titúlase o texto do noso paisano Santiago de Compostela, 10 de maio de 1972. Ese día, José Afonso cantou en público por primeira vez Grândola, vila morena. Foi no Burgo das Nacións de Compostela, e sabemos por un texto da cuberta deste disco que «a cassete daquele concerto… está religiosamente guardada» para que algún día se faga unha edición que nos transmita aquel rexistro, histórico verdadeiramente.

En maio de 1972 José Afonso cantou por primeira vez en Galicia, e fíxoo, daquela, sen especiais problemas coa policía. En Lugo, o día 9, houbo de suspenderse o seu recital, pero foi por causas fónicas do cantante, que resolveu un otorrinolaringólogo amigo meu poucas horas antes do concerto. Arturo movía os fíos de todo.

Da celebérrima canción, a versión definitiva figura no disco Cantigas de Maio, de 1971 (París). O texto, de seis estrofas de catro versos (quadras) ao xeito alentejano, é hoxe un dos grandes poemas da lírica portuguesa contemporánea. Trátase dun lirismo non exento de versos épicos, algún xa clásico: «O povo é quem mais ordena». Xa existía na primeira versión, a de maio de 1964, cando o pouco coñecido cantor foi convidado a cantar baladas de Coimbra na Sociedade Musical Fraternidade Operária Grandolense. Poucos días despois da súa intervención, o 21 de maio, compuxo a primeira versión do poema (só tres estrofas) na que xa figuraban versos cos que millóns de persoas no mundo enteiro se teñen identificado a partir de 1971: «Em cada esquina um amigo / em cada rosto igualdade». Por iso esta canción foi o santo e sinal musical, en Rádio Renascença, da Revolução do 25 de abril de 1974. En Santiago de Compostela, o 10 de maio de 1972, fixérase o primeiro ensaio, que non pasou de aí (por agora).