Ao final da primeira onda da pandemia o primeiro que fixen foi ir á libraría. Durante o confinamento anotara unha ducia de libros que quería ler, entre eles El infinito en un junco, de Irene Vallejo. E unha vez que o abrín non o puiden deixar, pois pareceume fascinante o seu xeito de lembrarnos as razóns polas que as humanidades e as ciencias deberían ir da man, ou a importancia do diálogo para aprender a ser. Todo isto a través dun relato tan entretido coma edificante sobre a orixe dos libros no mundo antigo.
Esta semana lía unha entrevista coa autora na que reflexionaba sobre a idea de que «cando a ciencia e a filosofía, a investigación médica e a creación cultural camiñaron da man, a humanidade alcanzou cotas asombrosas de progreso e benestar». E pensei que hoxe ese diálogo é máis necesario ca nunca, na nosa relación co que está a acontecer e no noso sistema educativo.
A miña vida cambiou cando hai oito anos comecei a traballar na intersección entre as ciencias e as humanidades. Todo empezou de casualidade: unha historia sobre a perda da memoria levoume a crear unha obra musical que acabou converténdose na base dunha proposta educativa sobre o rol das artes na sociedade. O meu intento de entender e abrazar a perda da memoria desde diferentes perspectivas acabou abríndome as portas a traballar nun xeito diferente de entender as artes como eixo que conecta non só disciplinas, senón tamén conversas tan complexas coma os individuos que as desenvolven.
Nese lugar, entremedias, aprendín a escoitar e encontrei o meu lugar. Grazas ao diálogo constante cos que saben o que eu non sei atopo repostas a preguntas que aínda non me fixera.