Tivera aviso de gaitas e barcos na versión nova de A illa do tesouro, aquela con Charlton Heston e a musica de Paddy Moloney e os Chieftains. E con eles Carlos Núñez, moitos anos antes de teren publicado o seu Discover coa Salve Finisterre. Salve interpretada tamén na igrexa de Santa María del Pi, Barcelona. En compaña, a gaita e aquel órgano.
Andan as gaitas tamén en travesías da man de Víctor Freixanes, con Xan de Boimorto que trae e leva no seu punteiro noticias das rías, e Chinto de Muras coa súa gaita grileira. E seguen con Cristina Pato, Marcos Foxo ou Susana Seivane. Nun fondo con gaita tumbal, a das Descubertas.
Mais para barcos, ventos e musica acudan a Xurxo Souto nunha súa historia, Adeus azul-Morrazo, parte dun libro, Pano de Vela, argallado polo Arquivo Pacheco con motivo da Volta ao Mundo de Vela que partiu de Vigo no 2005.
A peza de Xurxo Souto é das que prenden no corpo enteiro. Ate o extremo que raro é, verán ou invernía -e van anos-, que non acuda a ela para un saber acougado de ventos e mares. Por un poñer, para tratar cos ventos non hai nada como a música, un vento de cor di o Souto. Para de seguido manter o feitizo con aquelas gaitas de fol usadas para chamar polos ventos. Sabendo ben que cada vela quere o seu instrumento: «Para as dornas ten que ser a gaita grileira. Para aqueles galeóns, mesmo sancosmeiros, a propia era a redonda. E xa vai facendo falta unha gaita tumbal, de si bemol para abaixo, se falamos de chamar por ventos en barcos de tres mastros». A mesma tumbal de Tras Os Montes que levaban nas carabelas portuguesas da carreira de Indias.
Por mais que na foto de Pacheco, que acompaña a peza de Xurxo Souto, onde se ve un transatlántico ao partir para América, míranse unha traíña, un galeón, unha gabarra e lanchas e botes. Mais non se adiviña aquel vento tolo do que conta o señor Varucho que había tal día. Ben porque o encalmara o son da serea do barco, ben porque o señor Gorripacho co seu saxofón «tocou unha guajira de Benny Moré, que converteu un negro trebón nunha brisa morna». Descubríndonos Xurxo Souto que aquela despedida era tamén a de Os Satélites ao partir para América. «Para traer na volta os ventos do Caribe aos campos das festas». Enfeitizados por sempre.
Acórdame isto cando levaba mais de ano e medio sen andar no mar. Lerias da pandemia e do minguado que andou o traballo nas bateas. Mais, de mans de amigos, cadrou de volver. Primeiro nunha travesía de calma e fala, con Aureliano e Alberto, nos mares da Arousa, mares de Cabío, a bordo do Pachumba, un acolledor veleiro de cruceiro de 25 pes de eslora, un Furia 27 do 1981. E mais logo nunha Graünner 799 Belona, patroneada por Javier, nun recorrido a motor ás voltas de Rianxo, Taragoña e Cabo de Cruz, abarloándonos nas bateas por ver con Luis e Copi desdobres e mexilla, aquela das cordas a pescar avermelladas ou, a de sempre, mexilla das pedras. Acordei de Benny Moré, xa logo, no Isolina de Taragoña, en sobremesa de arciprestado.