A lección de Boris

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

ANDY RAIN | Efe

14 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Nin sequera o respecta xa o semanario tory que dirixiu hai anos. Co elocuente título «Acabouse?» e unha caricatura do inconfundíbel corpo con forma de remolacha de Boris Johnson esnafrado no chan, The Spectator súmase aos dirixentes do seu partido que, coa experiencia de acabar coa pobre Theresa May, engraxan a máquina para dimisións. O problema de Johnson é que non é Mariano Rajoy, e por tanto, decidiu estudar Clásicas en Oxford, que está moi ben, pero non aprendes as cousas verdadeiramente importantes, a saber, agardar a que pasen os dioivos, ir para un tellado, e ver pasar o cadáver do inimigo. Boris é máis británico-en-Mallorca, un rico con alma popular, un negacionista clásico por comenencia, coma a Santa Inquisición: o virus non existía ata que se contaxiou nunha desas troulas de Downing Street onde os xefes puñan a proba o virus (método científico) mentres os pobres súbditos esmorecían nos pisiños de protección oficial da época da Thatcher. A cuadratura do círculo. Medio século para colocar a high class alí de onde nunca debera ter saído nos corenta, como ben amosa Downton Abbey.

Boris non é un bufón, como pretenden os traidores do Spectator, senón o signo dos tempos. Pode que cumpra co británico costume de dimitir por vergoña torera, pero xa nos fixo o favor de demostrar para que caeu do ceo a covid. Non foi para acabar coa hostalería, senón para exterminar á fin os delirios de grandeza dos pobres. E así, cando nós inoculemos a vacina universal e saquemos para brindar por iso o cristal de Bohemia, farase a Graza: morrerán á fin os débiles e vivirán só os fortes que traballen para nós nas súas propias minas de diamantes. Claro que aprendemos o método científico: en Oxford, na Moncloa e alí onde rulen euros.