Cando en 1952 a princesa Isabel se converteu en raíña do Reino Unido e gobernadora suprema da Igrexa de Inglaterra, o primeiro ministro Winston Churchill dixo na radio que a providencia trouxera aos británicos unha muller de 25 anos que, como a ave fénix, trocaría as cinzas da posguerra en esplendor. Historiadores nada frívolos coinciden en que Churchill sentiu pola raíña algo máis que respecto e afecto, e que o corazón do vello león reloucaba como un poldro en liberdade cando despachaba con ela.
A sociedade británica percibiuna como Churchill dixera e, igual que non discutiu o seu peculiar gusto na moda —a revista Time afirmou no 2015 que a raíña non necesitaba cambiar para estar cos tempos, que os tempos se axeitarían a ela—, tampouco cuestionou o seu facer político nin o seu proceder persoal. Certo que nos anos sesenta a televisión emitiu programas satíricos que ridiculizaban a monarquía, e no decorrer dos setenta e oitenta artistas provocadores fixeron co seu rostro fotomontaxes nada respectuosas; certo tamén que grupos musicais lle dedicaron cancións como Elizabeth my dear, dos Stone Roses, que berraban «Non acougarei ata vela fóra do trono»; ou The Queen is dead, de The Smiths, que repetían «A raíña está morta, rapaces».
En nada prexudicaron á raíña, pero si as vodas dos fillos e os escándalos de fillos e noras. A tráxica morte de Diana pareceu esfarelar os alicerces da monarquía, pero unhas palabras da raíña en ton humilde e unha leve inclinación de cabeza ao paso do féretro acalaron o clamor popular. Isto só pode suceder nun país co sentimento monárquico do Reino Unido.
Julio Camba poñía como exemplo do apego á tradición dos ingleses as visitas a ruínas históricas. O guía sinalaba unhas pedras admirábeis e os ingleses admirábanas. Algúns despistábanse e admiraban unhas pedras recentes, e o guía advertíaos:
—Non, esas non teñen interese; estas outras son as admirábeis.
E os ingleses deixaban de admirar as pedras recentes e admiraban as que o guía sinalara.
Camba chegou á conclusión de que «un inglés es un inglés y no podrá ser otra cosa» e que «llegará un momento en que la humanidad se dividirá en dos únicas clases: a un lado, la humanidad propiamente dicha, y al otro, los ingleses». Coido que ese momento chegou. Próbano o brexit e o enterro de Isabel II, cun cerimonial tan vetusto e ostentoso que custará aos fondos públicos millóns de libras.
Estou certo de que esta pompa e boato divertiría a Camba máis que unha actuación dos Monty Python. Tamén a min.